Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Conferencia de Xuventude de Galicia

Tes bolsa ou tes traballo?

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) presentou en xaneiro de 2019 unha campaña para informar os bolseiros e bolseiras dos seus dereitos e frear situacións abusivas. «Tes bolsa ou tes traballo?» é o lema da iniciativa, dirixida aos preto de 34.000 mozos e mozas que actualmente fan algún tipo de prácticas na comunidade autónoma, con especial atención aos case 20.000 que realizan prácticas non laborais sen remuneración.

A precariedade que asola a xuventude ten dúas vertentes moi marcadas:

Unha dáse no ámbito estritamente laboral —rotación, baixos salarios e contratos temporais ou a tempo parcial—. A outra abrangue todo o camiño que un mozo ou moza percorre desde que remata os estudos ata que asina o primeiro contrato. Este tránsito faise, na meirande parte, mediante prácticas non laborais. Que non teñan unha relación laboral, non significa que non haxa unha normativa que cumprir.

Desde hai máis dun ano, Comisións traballa coa Guía de bolseiros e aprendices nas universidades e centros de FP, para informar dos seus dereitos as persoas que acceden ás prácticas após remataren os estudos. A raíz diso emerxeron moitos casos de persoas cuxas condicións non eran respectadas. Por iso nace esta nova campaña, para chegar á mocidade que está sendo explotada, facendo o traballo dunha persoa asalariada, sen titor ou un cometido non relacionado cos estudos que cursou.

Tes bolsa ou tes traballo?

Documentos relacionados

Cartel da campaña [PDF]
Folleto da campaña [PDF]