Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Conferencia de Xuventude de Galicia

Non ao despedimento por enfermar. Defende os teus dereitos

A sentenza do Tribunal Constitucional do pasado 16 de outubro, que permite o despedimento obxectivo por ausencias intermitentes, mesmo sendo xustificadas, xerou unha grande indignación e alarma social. O artigo do Estatuto dos Traballadores que o permite, o 52.d, existe desde 1980, pero foi coa redacción dada pola reforma laboral de 2012 cando se endureceu substancialmente a súa aplicación ao suprimir a referencia ao volume de falta de asistencia total do cadro de persoal no centro de traballo. Con isto individualizábase totalmente o cómputo que se ha considerar e culpabilizábase a persoa polo feito de exercer o dereito a unha recuperación efectiva no caso de enfermidades de orixe común, entre outros dereitos.

O contido do artigo 52.d foi unha máis das razóns que nos levaron aos sindicatos a convocarmos dúas folgas xerais en 2012 para esixir a derrogación da reforma laboral, algo que seguimos reivindicando na actualidade en vista das desastrosas consecuencias que tivo para a clase traballadora nestes anos. Pero a sentenza do Tribunal Constitucional porfía nesa liña, porque consagra unha preeminencia da produtividade e dos beneficios empresariais fronte aos dereitos das traballadoras e dos traballadores, como poden ser o dereito ao traballo e a recuperar a saúde tras unha enfermidade.

As persoas traballadoras vense empurradas a non se ausentar xustificadamente do seu posto de traballo e a reincorporarse sen recuperar a súa saúde, co conseguinte risco para elas e para o resto do persoal. E sendo esta unha situación que afecta ao conxunto da poboación traballadora, faino dun xeito máis agudo no caso das traballadoras. Son elas as que desempeñan profesións e actividades cunha maior incidencia de patoloxías que esixen períodos de recuperación curtos e descontinuos, polo que se converten en obxectivos perfectos para a aplicación do 52.d.

A día de hoxe, a única vía para defender o dereito á saúde no traballo pasa pola derrogación da reforma laboral e do artigo 52.d en particular. Desde 2012 os accidentes de traballo non deixaron

de crecer e dificilmente se poderán evitar despedimentos pola vía do 52.d nun contexto de subrexistro de enfermidades profesionais, que sistematicamente son notificadas como comúns polas mutuas, ou de deterioración das condicións de traballo nas empresas.

UGT e CCOO non cederemos ata reequilibrar o marco lexislativo e axustalo á realidade do século XXI. Pero é urxente e de xustiza suprimir un precepto legal que ampara a discriminación de forma evidente, que culpabiliza a persoa traballadora e que impide exercer os dereitos de traballadores e traballadoras, como o dereito á recuperación efectiva.

Derrogar as reformas laborais é unha necesidade, pero acabar co artigo 52.d é urxente. Para lograr este obxectivo, reclamámoslles aos partidos políticos e aos seus grupos parlamentarios un compromiso coa necesidade de mellorar as condicións materiais de vida da clase traballadora. Por estes motivos, CCOO e UGT convocamos concentracións o 27 de novembro fronte ao Congreso dos Deputados en Madrid e nas delegacións de Goberno do resto de comunidades autónomas.

NON AO DESPEDIMENTO POR ENFERMAR.
DEFENDE OS TEUS DEREITOS!


MOBILIZACIÓNS O 27 DE NOVEMBRO (todas ás 12 horas)

— A Coruña
: diante dos Xulgados (rúa Monforte). Asistirán os secretarios xerais de CCOO, Ramón Sarmiento, e de UGT, José Antonio Gómez
— Santiago de Compostela: diante dos Xulgados (rúa Berlín)
— Lugo: diante dos Xulgados (praza de Avilés)
— Pontevedra: diante da Audiencia Provincial
— Ourense: diante dos Xulgados (rúa Velázquez)
— Vigo: diante dos Xulgados (rúa Lalín)

Non ao despedimento por enfermar. Defende os teus dereitos

Novas relacionadas

CCOO e UGT rexeitan diante dos xulgados que se poida despedir un traballador ou traballadora por enfermar

Documentos relacionados

Cartel [PDF]
Manifesto conxunto de de CCOO e UGT [PDF]