Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Asembleas xerais abertas

venres 3 de febreiro de 2017

«Os orzamentos da Xunta están hipotecados pola débeda e escatiman en gasto social e investimento»

  • Silvia Parga, economista de CCOO, é autora dunha rigorosa análise sobre os orzamentos deste ano
  • Achaca á Xunta falta de vontade para realizar outras políticas

Comisións Obreiras (CCOO) presenta o nº 23 da publicación 'Cadernos do Sindicato Nacional de CCOO', que xa se pode consultar libremente na páxina web do sindicato. Coma sempre, trátase dun documento monográfico que nesta ocasión leva por título «Orzamentos 2017: profundando na crise».

Silvia Parga Rodríguez, economista de CCOO, analiza o proxecto de orzamentos do 2017

Silvia Parga Rodríguez, economista de CCOO, analiza o proxecto de orzamentos do 2017

—Distintas voces autorizadas da Xunta e do PP afirmaban nas últimas semanas que os orzamentos serán os da recuperación. Non obstante, as conclusións deste número dos Cadernos desmontan completamente tal versión.

O Goberno vende que os orzamentos para 2017 permitirán reforzar «unha recuperación económica completa» e que son os do «crecemento san». Pero a análise do proxecto de orzamentos para 2017 —que en principio se aprobarán a vindeira semana— déixanos concluír que a súa visión da realidade é un espellismo.

—Tamén afirma o Executivo que no segundo trimestre de 2017 alcanzaremos o nivel de pib anterior á crise. Compartes esta visión?

Cómpre lembrar que hoxe en día traballa menos xente e o pouco emprego que se crea é moi precario; ademais, a distribución da renda favorece os excedentes de explotación máis que á clase traballadora. Ao tempo, a poboación activa non deixa de caer e aínda falta moito para recuperar os dereitos laborais e sociais perdidos durante a crise.

Polo tanto, malia que a economía se está a recuperar, a riqueza distribúese agora de maneira máis desigual que antes da crise, así que a maioría social non percibe os efectos da recuperación: son outros os que se están a recuperar, en todo caso, e de que xeito!

—Sinalas tamén que a economía galega crecerá de xeito similar á española, vaise traducir isto en creación de emprego en Galicia?

As previsións do Goberno, recollidas no cadro macroeconómico, confirman que no 2017 se desacelerarán a economía e a creación de emprego. O PIB medrará un 2,4 % (fronte ao 3,1 % previsto para 2016) e o emprego aumentará un 1,6 % no 2017, tres décimas menos do que se prevía para 2016.

A economía galega crecerá de xeito moi similar á española pero a creación de emprego seguirá moi por debaixo: +1,6 % en Galicia fronte ao +2,2 % na media estatal. No noso país aínda quedan por recuperar máis de 194.000 postos de traballo para alcanzar os niveis de emprego de hai oito anos; polo tanto, a creación prevista para este ano —uns 20.000 postos de traballo— resultará ás claras insuficiente para reverter os gravísimos efectos da crise no mercado laboral.

—Sendo esta a situación, cabería agardar unha aposta da Xunta polas políticas activas de emprego. Non obstante, estas perden peso no orzamento...

Efectivamente. Os recursos destinados á promoción do emprego e institucións do mercado de traballo medrarán un 15,3 % en relación con 2016 —32 millóns de euros máis— pero o seu peso no total do orzamento será só do 2,2 %, fronte ao 3,5 % que se lle asignaba no 2009.

A dotación ás políticas activas de emprego é insuficiente para dar resposta ao principal problema dos galegos e galegas, que é o desemprego. O que debera ser o principal obxectivo do Goberno convértese en resignación nestes orzamentos. No terceiro trimestre de 2016 había 206.700 persoas paradas —o 45 % levaban dous ou máis anos buscando un posto de traballo— e 98.300 menos ocupadas ca no mesmo trimestre de 2009; pero á promoción de emprego e institucións do mercado de traballo destínase en 2017 un 43 % menos que no 2009 —179 millóns de euros menos.

—Tras estudares a fondo o proxecto de orzamentos, conclúes, en certa maneira, que os orzamentos do 2016 estaban marcados polas citas electorais, e que agora se percibe unha certa volta á normalidade.

Sen dúbida, a Xunta parece que aparcou as necesidades motivadas polas eleccións. Isto explica que o gasto destinado ás persoas e a capitalizar o país medre en 2017 por debaixo do PIB nominal —2,7 %, fronte ao 3,6 %— e se reduza o seu peso no total do orzamento. Ese incremento de 241 millóns de euros é máis raquítico ca o previsto para o ano 2016 (de 365 millóns), porque o clima electoral tamén se trasladaba ás contas públicas. Fóra xa desa concentración de citas electorais, no 2017 recupérase a rigorosa austeridade de anos anteriores.

—Algúns voceiros do PP tamén se referiron a eses orzamentos como «sociais». Sono, realmente?

O orzamento total aumenta un 4,8 % en relación co previsto para 2016, pero unha parte relevante das políticas de gasto social medrarán por baixo desa porcentaxe. É o caso da sanidade (+2,8 %), a educación (+2,9 %) ou os créditos destinados ás funcións de acción social e promoción social (+4,2 %).

—O que si vai caracterizar os orzamentos é a súa submisión ao pagamento da débeda, non si?

Os orzamentos deberían reconducir a situación de crise e emerxencia social de Galicia. No entanto, é un orzamento que non dá prioridade ás necesidades da poboación, que escatima os recursos destinados á capitalización do país e que está hipotecado pola débeda: o gasto destinado á débeda pública ascenderá a 1.822,2 millóns de euros (224 millóns máis que no ano anterior) e absorberá o 16,9 % do orzamento de 2017 (15,5 % no 2016).

Por outra parte, o investimento previsto para 2017 é de 1.471,6 millóns de euros; 54 millóns máis ca no 2016 (+3,8 %). Pero o investimento xa viña sendo moi castigado estes anos atrás; de feito, en comparación co 2009 reducirase case un 48 %. No ano 2009, os recursos destinados á capitalización do país equivalían ao 24,5 % dos gastos non financeiros; oito anos despois, esa porcentaxe baixará ata o 16,3 %. O investimento é unha panca fundamental para o progreso económico e social dun país; renunciar a el lastra gravemente as nosas capacidades competitivas no económico e de proporcionar benestar á cidadanía galega.

—CCOO xa lle pediu en varias ocasións á Xunta unha «emenda á totalidade» das súas políticas e, polo tanto, dos orzamentos. En que se concretan as peticións do sindicato?

A actual medra da economía debería ir acompañada dunha política expansiva que impulsase o gasto social e o investimento para lograrmos unha fase máis duradeira de crecemento vigoroso do PIB. Cómpre aumentar os ingresos non financeiros para reforzar as políticas de gasto e apuntalar a sustentabilidade das contas públicas.

Fronte á teima da Xunta en renunciar á súa autonomía fiscal, CCOO propón subir os tipos impositivos nos tramos máis altos na tarifa autonómica do IRPF; manter o imposto de patrimonio con carácter permanente, elevando a actual escala de gravame dos seus tipos impositivos; incrementar o tipo de gravame do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados aproveitamentos da auga encorada; crear novos impostos sobre grandes superficies comerciais, sobre vivendas baleiras e ás entidades financeiras por volume de depósitos e reforzar o Plan de inspección e loita contra a fraude fiscal.

—É importante aproveitar as marxes de autonomía con que conta Galicia?

A Xuta adoita usar como pretexto que carece de competencias para facer outras políticas, pero non é certo: ten unha ampla marxe que non aproveita. Alén do xa indicado en materia fiscal, o Goberno galego dispón dunha grande autonomía para facer outras políticas sen colidir coas competencias estatais. Por exemplo, apostando polo emprego de calidade, mediante o potenciamento do Servizo Público de Emprego, o incremento do gasto social, o reforzamento dos servizos públicos e a recuperación do emprego destruído no ámbito —o cal suporía unha inxección para o conxunto economía galega—; ou o incremento dos investimentos tanto nos sectores produtivos básicos como naqueles con maior potencial de futuro. Isto, por citar só algunhas actuacións que se poden facer. É unha cuestión de vontade política, non de competencias.
 

«Os orzamentos da Xunta están hipotecados pola débeda e escatiman en gasto social e investimento»

venres 3 de febreiro de 2017

Ligazóns de interese relacionadas

N.º 23 dos 'Cadernos do Sindicato Nacional de CCOO' [PDF]