Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
11.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia - Compromiso sindical: máis sindicato, máis dereitos

luns 6 de febreiro de 2017

CCOO-Industria informou a oposición do Parlamento sobre o 'dúmping' no sector do automóbil

O Sindicato Comarcal de Industria de CCOO de Vigo cualifica como «moi positivas» as xuntanzas mantidas o pasado venres cos grupos que forman a oposición parlamentaria no Pazo do Hórreo. Na Cámara autonómica, Comisións informou os deputados e deputadas destas formacións da «gravidade» da situación no sector do automóbil da comarca debido á constante perda de empregos, produción e investimentos a prol do norte de Portugal.

Na fotografía, reunión con representantes de En Marea

Na fotografía, reunión con representantes de En Marea

RELACIÓN DOS INVESTIMENTOS CAPTADOS POR PORTUGAL NOS ÚLTIMOS TRES ANOS
 

Uchiyama (Xapón) 10 millóns de euros
Howa (Xapón) 12 millóns de euros
Euroestile Systems (Francia) 18 millóns de euros
Continental (Alemaña) 60 millóns de euros
Bosch Car (Alemaña) 60 millóns de euros
Ccl-Plásticos (Portugal) 2,5 millóns de euros
Socem Its (Portugal) 3,7 millóns de euros
Hatto Fehst (Portugal) 4 millóns de euros
Karam (Angola) 6 millóns de euros
Borgstena (Suecia) 4 millóns de euros
Delphi (EEUU) 12 millóns de euros
Olpo&Mehler 16,5 millóns de euros
Aspock (Austria) 15  millóns de euros
Grupo Antolin (España) 4 millóns de euros
Faurecia (Francia) 45 millóns de euros
Toyota (Xapón-Portugal) 10 millóns de euros
Simoldes (Portugal) 33 millóns de euros
Sakthi (India) 36,7 millóns de euros
Eberspaecher (Alemaña)
Maviva (España)
Valver (España) 4 millóns de euros
Marsan (España) 1,3 millóns de euros
Wegeuro 13,2  millóns de euros

CCOO-Industria afirma que esta situación non ten máis que unha explicación: a falta de estratexia do Goberno da Xunta para captar investimentos, a modificación do chamado «xusto a tempo» (coñecido como just in time na tecnoloxía do sector) por un «sincro longo» e a audaz política lusa de axudas ás empresas en prezo do solo, bonificacións fiscais , amais dunha normativa laboral que perpetúa os traballadores portugueses no limiar do salario mínimo (557 € e sen negociación colectiva).

Para CCOO, trátase dun «escenario idóneo para as multinacionais» dun e outro lado da fronteira, que están forzar as condicións de traballo á baixa (dúmping). Segundo a análise sindical, quen sae perdendo nesta situación son os traballadores e traballadoras de Galicia e Portugal, ao tempo que se ve «gravemente comprometido» o futuro do sector automobilístico no noso país.

CCOO trasladoulles aos grupos parlamentarios, igual que xa fixo coa Xunta, a necesidade de tomar a iniciativa de levar a competencia lusa perante a Comisión Europea, xa que se está a producir unha «clara distorsión da libre competencia» que o TFUE regula nos aspectos de mercado interior nos artigos 101 ao 109.

Por último, CCOO-Industria asegura que o espazo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal non pode ser só un espazo de oportunidades para o capital, senón que se «ha transformar nun espazo de colaboración, competencia leal e oportunidades» tamén para a cidadanía.

CCOO-Industria informou a oposición do Parlamento sobre o 'dúmping' no sector do automóbil

luns 6 de febreiro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Internacional - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade