Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

venres 6 de outubro de 2017

A cidadanía sae ás rúas pola continuidade das áreas sanitarias

​Nas comarcas do Salnés, Valdeorras e A Mariña, a poboación saíu de xeito masivo á rúa para defender o actual mapa galego de áreas sanitarias. Outro tanto se prevé que aconteza o próximo domingo en Monforte de Lemos. CCOO apoia estas manifestacións e rexeita o proxecto de Lei de saúde pública de Galicia. O sindicato entende que a iniciativa, do PP, abre as portas de par en par á privatización.

Na fotografía, manifestación do Salnés

Na fotografía, manifestación do Salnés

O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, rexeita a supresión das áreas sanitarias de Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Burela e O Salnés. A conversión destas áreas en distritos «supón unha penalización», asevera o sindicalista. Prognostica, ademais, que esta decisión obrigará os doentes a se desprazaren a outros hospitais, ao tempo que aumentará a «precariedade e marxinación» dos centros de saúde dos futuros distritos.

Canto ao aspecto laboral, Cameselle censura que o anteproxecto non clarexe as repercusións para o persoal en materias como ofertas públicas de emprego (OPE), mobilidade voluntaria e forzosa ou novas contratacións, entre outras.

O sindicato pide tamén dotar de servizos e persoal os centros precarizados, especialmente as catro áreas sanitarias que se planea suprimir, así como os hospitais de Verín, O Barbanza e Cee; acabar cos peches de camas e abrir tanto os quirófanos como os servizos centrais (laboratorios, radioloxía e consultas) na quenda de tarde; contratar persoal nos hospitais —en vez de lles dar prioridade ás peonadas— e centros de atención primaria —para rematar coa voluntariedade—; dotar de persoal e recursos a atención primaria; por último, reverter as privatizacións e concertos na sanidade pública.

Amais de rexeitar o anteproxecto e reivindicar unha negociación «real», CCOO-Sanidade esixe máis e mellores recursos para a sanidade pública, comezando por unha «OPE excepcional» que permita reducir a eventualidade e recuperar o emprego perdido nos últimos anos.

A cidadanía sae ás rúas pola continuidade das áreas sanitarias

venres 6 de outubro de 2017

Ligazóns de interese relacionadas

Galería de imaxes

Áreas temáticas relacionadas

O teu sindicato - Unións Territoriais - Ourense Valdeorras - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Lugo - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Mariña - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Arousa - Actualidade