Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

luns 9 de outubro de 2017

A CRTVG incumpre as normas sobre o uso do galego no ámbito laboral

  • O comité de empresa advirte do malestar do persoal pola ausencia do galego nos cursos de formación para a renovación dixital, nunha liña de deterioración xeral na encomenda de promocionar a lingua nos medios públicos

O comité intercentros da Corporación RTVG denuncia o incumprimento da obriga de promoción da lingua galega que teñen os medios públicos en todos os seus ámbitos de actuación, incluídas as relacións laborais, nunha liña que manifesta un desamparo progresivo durante os últimos anos.

O comité denuncia a exclusión do galego no ámbito laboral

O comité denuncia a exclusión do galego no ámbito laboral

Os sindicatos advirten do malestar maioritario que causou entre o cadro de persoal a total ausencia da lingua galega nas accións formativas programadas para a adaptación da maior parte do persoal ao novo modelo de produción audiovisual dixital que se está a instalar no medio público.
 
O comité denuncia que nos cursos presenciais non se emprega o galego, algo que admiten como xustificado se os docentes son foráneos. Porén, consideran absolutamente indefendible que a documentación formativa non estea na nosa lingua, malia que moitos manuais técnicos dos fabricantes traduciunos directamente desde o inglés a empresa encargada de acometer a transformación dixital da CRTVG e da conseguinte formación do persoal, a compañía Telefónica Servicios Audiovisuales.
 
Para a representación sindical é inadmisible que o propio portal creado especificamente para aloxar o material formativo recorra a un dominio en español (proyectocrtvg.com) e non teña nin sequera os menús en lingua galega, o que evidencia unha enorme falta de compromiso co noso idioma e unha clara vulneración do artigo 6 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.
 
Para o comité intercentros, a redacción dese artigo determina claramente a obriga de empregar o galego en todos os ámbitos das relacións laborais, incluída a formación, xa que establece literalmente que «a lingua da Corporación é o galego, xa que logo a prestación do servizo de comunicación audiovisual por parte da devandita sociedade e as comunicacións que efectúe ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas será en lingua galega».
 
Desmantelamento lingüístico
 
Os sindicatos alertan dun progresivo desmantelamento da promoción do galego por parte da Corporación, que se manifesta na carencia de programación divulgativa específica e nun departamento lingüístico tan esganado que dificilmente pode asumir a supervisión da produción externa que chega ao centro emisor ao tempo que ofrece soporte ao persoal propio.
 
O comité intercentros da CRTVG esixe que a corporación asuma os esforzos que sexan precisos para o axeitado cumprimento da súa encomenda de promoción da lingua e a cultura galegas, xa que o contrario —advirten— é poñer nun grave risco a propia esencia dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.

A CRTVG incumpre as normas sobre o uso do galego no ámbito laboral

luns 9 de outubro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade