Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

luns 13 de novembro de 2017

CCOO denuncia que a Consellaría do Medio Rural cesa este mes case o 55 % do dispositivo contra incendios

  • O sindicato alerta de que a cifra sobe ao 65 % se se conta a parte do operativo que depende da empresa pública SEAGA

Comisións Obreiras denuncia que a Consellaría do Medio Rural cesa este mes case o 55 % do Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF). Con data do 12 de novembro, o departamento autonómico deixou sen traballo 436 traballadores e traballadoras, aos que se sumarán 626 máis a partir do día 30. Trátase dos integrantes do SPDCIF con contratos fixos-descontinuos de tres e nove meses, respectivamente.

Fotografía de arquivo dunha autoestrada cortada por mor dun incendio forestal

Fotografía de arquivo dunha autoestrada cortada por mor dun incendio forestal

CCOO alerta deste «desmantelamento» do dispositivo, que alcanzaría o 65 % de se contar a parte do operativo que depende da empresa pública SEAGA. O sindicato denuncia que, ao tempo que persoal do servizo público vai ao paro, continúan a prestar servizo empresas privadas, como é o caso da UTE Babcock-Natutecnia.

Desde CCOO salientan este paradoxo, máis aínda na mesma semana en que varios medios de comunicación se fan eco da investigación aberta contra o director xeral de Ordenación Forestal en relación coa contratación de medios aéreos.

As trinta medidas de Feijóo non achegan nada novo

En referencia ás trinta medidas anunciadas por Feijóo días atrás na súa proposta de acordo forestal, CCOO sinala que «non achegan nada novo». Máis da metade xa as recolle a lexislación vixente: dezaseis das propostas «significarían unicamente cumprir o que di a lei». Outras fan referencia a leis anteriores ao 2009 e que xa foron derrogadas. Só seis das propostas rectificarían a política aplicada ata agora pola Xunta.

O sindicato non aprecia na Xunta un compromiso por mellorar a situación, máis aínda cando mantén un corpo profesional de bombeiros forestais «totalmente en precario», con 1062 efectivos que non poden traballar todo o ano e máis dun 50 % de contratos temporais.

CCOO pide unha mesa de diálogo e negociación para modificar as funcións do SPDCIF, encamiñadas non só á extinción, senón tamén á prevención. Así mesmo, aposta pola integración de todos os colectivos do operativo público nun único servizo cun mando único.

Por último, desde CCOO insisten na necesidade de cambiar o modelo actual por outro que poña en valor o medio natural, axude a fixar poboación no rural e fomente unha economía sostible e xeradora de equilibro ecolóxico.

CCOO denuncia que a Consellaría do Medio Rural cesa este mes case o 55 % do dispositivo contra incendios

luns 13 de novembro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Saúde Laboral - Medio Ambiente