Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

venres 17 de novembro de 2017

CCOO e UGT inician unha campaña conxunta para esixir a recuperación de emprego e dereitos no sector público

  • Convocan concentracións para o vindeiro 24 de novembro na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra

A Área Pública de CCOO de Galicia e a FeSP-UGT inician unha campaña conxunta de mobilizacións baixo o lema «Agora: salarios, emprego público e dereitos». A primeira acción reivindicativa terá lugar o vindeiro 24 de novembro, venres, con concentracións de delegadas e delegados ás 11:30 horas na Coruña (Delegación do Goberno), Lugo, Ourense e Pontevedra (nestes casos fronte ás respectivas Subdelegacións do Goberno).

Intervención de José Manuel Ramos, da Área Pública de CCOO

Intervención de José Manuel Ramos, da Área Pública de CCOO

Ambas as organizacións manteñen, non obstante, a súa disposición ao diálogo e diríxense ao Ministerio de Facenda e Función Pública e á Xunta de Galicia, así como aos concellos, para que abran un espazo de negociación real nos seus respectivos ámbitos e segundo as súas competencias. Todo isto debería ter efectos nos orzamentos para o 2018 das respectivas organizacións. CCOO e UGT reclaman que se recupere a negociación colectiva en todas as Administracións públicas para tratar cuestións como xornadas, incapacidade temporal, saúde laboral, igualdade, formación ou acción social.

No caso do Estado, os dous sindicatos entenden que non pode ser un impedimento a propia prórroga dos orzamentos, pois hai antecedentes: en 1990 e 1996 introducíronse melloras en materia salarial, de emprego ou outras condicións laborais.

En materia de emprego, e partindo do Acordo para a Mellora do Emprego Público, asinado en marzo deste ano, e o Acordo de Estabilidade, asinado en outubro coa Xunta, as dúas organizacións cren que os pactos se deben ampliar e consolidar en dúas vertentes. A primeira, tanto no desenvolvemento do proceso de estabilización —para reducir a temporalidade nas Administracións públicas—. A segunda, eliminando a taxa de reposición, que permita non só recuperar os 16 300 empregos públicos perdidos en Galicia dende o 2011, senón que asente tamén as bases para a creación neta de emprego.

Un 13 % de poder adquisitivo perdido

Canto aos salarios, CCOO e UGT cren que as empregadas e empregados públicos deben verse recoñecidos no esforzo que se lles esixiu para contribuíren ao equilibrio orzamentario e á redución do déficit público, como así o expresaron en reiteradas ocasións os propios Gobernos. Por esta razón, esixen o recoñecemento da débeda salarial contraída co conxunto de persoas que traballan para o sector público e que se inicie a progresiva recuperación salarial, con cláusula de garantía para este efecto. Os sindicatos calculan que desde o 2010 se perdeu un 13 % de poder adquisitivo.

A defensa dos dereitos das empregadas e empregados públicos é unha prioridade na acción sindical de CCOO e UGT, tanto polo que significa en termos de condicións laborais como pola necesidade de reforzar os servizos públicos e así mellorar a calidade de vida da cidadanía.

A campaña «Agora: salarios, emprego público e dereitos» terá continuidade o 14 de decembro cunha concentración estatal —en Madrid— e concentracións en Galicia cadrando co período de debate e aprobación dos orzamentos da Xunta. Se for preciso, a campaña continuará o próximo ano.

CCOO e UGT inician unha campaña conxunta para esixir a recuperación de emprego e dereitos no sector público

venres 17 de novembro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade