Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

mércores 16 de maio de 2018

17 MAIO DE 2018: DÍA DAS LETRAS GALEGAS

  • Declaración das comisións executivas do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a Unión Xeral de Traballadores de Galicia

O 17 de Maio celebramos o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á figura da profesora e escritora María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 - Pontevedra, 2005). Desde o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e a Unión Xeral de Traballadores de Galicia reafirmámonos no insubstituíble papel da lingua galega para a nosa sociedade, non só vehículo de comunicación e expresión cultural, senón tamén patrimonio irrenunciable de toda a cidadanía.

Día das Letras Galegas

Día das Letras Galegas

A propia homenaxeada do Día das Letras foi consciente diso e, malia ser natural de fóra de Galicia, adoptou o galego como lingua propia cando se trasladou ao noso país para traballar como profesora de literatura española. María Victoria Moreno incluso foi máis aló e, en plena ditadura, desafiaba o réxime ao ensinar literatura galega aproveitando parte das súas clases.

Este 17 de Maio, UGT e CCOO reivindicamos como propio o compromiso activo de persoas como María Victoria Moreno. O idioma é parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e o noso deber de cidadanía responsable é coidalo, difundilo, protexelo e mantelo acotío como unha lingua viva e activa para toda a sociedade e como vehículo transmisor e xerador tamén da nosa cultura.

O galego e a mocidade

Un ano máis, temos que lamentar o deixamento da Xunta de Galicia nas súas obrigas respecto da promoción do galego. O último informe da Real Academia Galega alerta da perda progresiva de falantes, especialmente entre a mocidade, o que significa a ruptura da transmisión xeracional do idioma.

O Goberno galego leva desde o ano 2016 anunciando un plan para potenciar o uso do galego entre a poboación moza pero, mediado o 2018, nada se sabe aínda.
 
Recortes na promoción do galego

Esta apatía contrasta coa celeridade á hora de tomar outras decisións. Por exemplo, o mal chamado Decreto do plurilingüismo foi aprobado no 2010, pouco máis dun ano despois do regreso do PP á Xunta. O decreto reduciu o peso da lingua propia de Galicia no ensino. A isto sumouse, anos despois, a pesada lousa da LOMCE, que degradou as linguas cooficiais distintas do castelán. Ambas as normas hipotecan gravemente o futuro deste herdo colectivo.

A promoción do galego non é unha prioridade para a Xunta. De feito, vén sendo unha das partidas máis castigadas nos orzamentos autonómicos dos últimos anos. Isto debe mudar decontado, porque os poderes públicos teñen encomendada a misión de normalizar plenamente os usos da lingua galega, de eliminar os aínda numerosos atrancos para desenvolver unha vida plena e normal en galego. Porque só equiparando plenamente o galego á outra lingua oficial de Galicia será posible falarmos de «liberdade».

Con esta premisa, CCOO e UGT instamos a cidadanía a exercer libremente os seus dereitos lingüísticos, a lles esixir ás administracións o cumprimento das obrigas que en materia de lingua se consagran no Estatuto e na Constitución, a propiciar a promoción da lingua e da cultura galegas e a exercitar con orgullo a súa condición de cidadáns e cidadás libres.

17 MAIO DE 2018: DÍA DAS LETRAS GALEGAS

mércores 16 de maio de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Institucional - Actualidade

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia