Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

martes 15 de maio de 2018

CCOO amosa a súa solidariedade co pobo palestino

O Consello Nacional de CCOO de Galicia condena os ataques do exercito israelí contra o pobo palestino na Franxa de Gaza, acción que deixou ao redor de sesenta mortos e máis de dúas mil persoas feridas. O sindicato denuncia tamén a irresponsabilidade do Goberno dos Estados Unidos, a súa política de provocación e o amparo a estes crimes.

Membros do Consello Nacional de CCOO posan con carteis solidarios con Palestina

Membros do Consello Nacional de CCOO posan con carteis solidarios con Palestina


O ataque militar dirixiuse contra as persoas que protestaban polo traslado da embaixada estadounidense a Xerusalén, que se produciu na véspera da Nakba, o día de loito nacional en Palestina que lembra a expulsión dos seus fogares e a ocupación das súas terras coa creación do Estado de Israel.

CCOO condena a irracionalidade do Goberno dos Estados Unidos ao provocar unha situación de tensión e maior sometemento contra o pobo palestino, xa decotío asoballado, empobrecido e maltratado por Israel.

Para o sindicato, o camiño da violencia e a prepotencia dos Gobernos estadounidense e israelí só aumentarán a tensión e as dificultades no entendemento, imprescindible para poder dar unha resposta democrática aos dereitos do pobo palestino. Un pobo, en todo o territorio pero especialmente en Gaza, ao que se lle negan os máis elementais dereitos humanos.

As CCOO de Galicia chaman a participar en cantas mobilizacións se convoquen en defensa dos dereitos e da vida do pobo palestino.

CCOO amosa a súa solidariedade co pobo palestino

martes 15 de maio de 2018