Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

xoves 14 de xuño de 2018

Ramón Sarmiento: «Non abonda con retocar a reforma laboral, cómpre cambiar cuestións centrais»

  • O secretario xeral de CCOO defende que a estratexia do sindicato «segue intacta» malia o cambio de Goberno no Estado

O secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, afirma que «non abonda con retocar a reforma laboral, cómpre cambiar cuestións centrais». Así o expresou esta mañá nunha entrevista para a Radio Galega. Segundo o dirixente sindical, é necesario reverter elementos como a desvalorización dos salarios ou a excesiva temporalidade, amais de dar respostas específicas para as mulleres e a mocidade, pois son a parte da poboación máis prexudicada pola falta de emprego digno.

Ramón Sarmiento nos estudios centrais da Radio Galega, en Santiago de Compostela

Ramón Sarmiento nos estudios centrais da Radio Galega, en Santiago de Compostela

O dirixente sindical lembrou que España está a producir bens e servizos no mesmo nivel de 2008, «pero cun millón de traballadores e traballadoras menos» por mor da reforma laboral. As empresas do IBEX-35 repartirán este ano ao redor de 28 000 millóns de euros en dividendos, a clase traballadora pobre «é unha realidade que non coñeciamos hai unha década» e a metade da xente moza nova non ten emprego, «só a expectativa de desenvolverse profesionalmente emigrando».

Segundo Sarmiento, o cambio de Goberno no Estado «ensancha as expectativas de cambio das organizacións sociais». Con todo, matizou que «a estratexia do sindicato segue intacta», e instou o novo Executivo estatal a adoptar as medidas necesarias no caso de non ser posible chegar a un acordo na negociación bipartita coas empresas.

«Hai que ser ambiciosos na reformulación do mercado laboral. Non vexo nas empresas interese en mudar elementos centrais da reforma laboral», lamentou o secretario xeral de CCOO. Entre outras, fixo referencia á posibilidade de que a parte empresarial poida cambiar unilateralmente as condicións de traballo, a prevalencia do convenio de empresa sobre o sectorial ou o abuso da contratación a tempo parcial —que desvaloriza o mercado de traballo e aumenta a fraude.

Que o IBEX non impoña o seu criterio á patronal

Ramón Sarmiento criticou a reforma laboral impulsada polo Goberno de Mariano Rajoy no ano 2012, «aplaudida polos empresarios» e que, na súa opinión, non era necesaria «porque os axentes sociais estabamos a demostrar unha profunda madurez» para dar resposta á crise e a situacións de incerteza sobre a viabilidade de moitas empresas. «Non mereciamos a resposta do PP», incidiu o dirixente sindical.

En opinión do secretario xeral de CCOO, a reforma do PP estaba pensada para un proceso de concentración empresarial «que pouco tiña que ver cos intereses da pequena e mediana empresa». Neste senso, instou a que as empresas do IBEX non sexan as que «impoñan o seu criterio á CEOE, porque nese caso non haberá acordo na negociación colectiva».

Ramón Sarmiento: «Non abonda con retocar a reforma laboral, cómpre cambiar cuestións centrais»

xoves 14 de xuño de 2018