Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

mércores 12 de setembro de 2018

CCOO lembra que a misión dos GES é responder ás emerxencias, non atender «caprichos dos alcaldes»

  • O sindicato pide abordar nunha mesa de negociación a situación laboral deste colectivo, o recoñecemento dos seus dereitos e a estabilidade do emprego

O sector da Administración local de CCOO de Galicia lembra que a misión dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) é, precisamente, responder ante situacións de emerxencia. «Non están para atender caprichos dos alcaldes». O sindicato critica as controvertidas afirmacións realizadas nos últimos días por algúns responsables municipais en relación con este servizo.

A prioridade dos GES é atender ás emerxencias

A prioridade dos GES é atender ás emerxencias

CCOO lembra que os GES foron creados no 2013 para atender emerxencias naqueles lugares onde os parques de bombeiros non podían dar un servizo axeitado, principalmente debido á distancia e á dispersión poboacional. Entre as funcións tamén se lles asignaron a prevención forestal e a intervención ante os incendios deste tipo en que fose necesaria a súa presenza.

O sindicato explica que as tarefas forestais lles foron encomendadas debido ao modelo de financiamento, que en boa medida corre a cargo dos fondos europeos FEDER. Isto obriga, por exemplo, a que os GES fagan labores de roza nun número mínimo de hectáreas cada ano.

Para CCOO, este sistema de financiamento crea un «grave problema» para a efectividade dos GES, pois o tempo que dedican a rozar non o poden destinar á súa obriga principal, que é atender as emerxencias nas localidades do seu ámbito.

Outro problema que padecen os GES é a asunción de tarefas que non lles corresponden. CCOO denuncia que moitos Concellos usen este colectivo como «traballadoras e traballadores de usos múltiples», encomendándolles labores como a limpeza de espazos, a montaxe de casetas e mesmo a repartición porta a porta de propaganda municipal.

Ante a atribución irregular de tarefas que non corresponden aos GES, moitos alcaldes e alcaldesas escúsanse en que «non poden estar de brazos cruzados agardando a que se produza unha emerxencia». CCOO critica este argumento, pois o traballo dun grupo de emerxencias comeza antes de ser chamado para algunha intervención. «Require un traballo previo e continuo que abrangue desde o mantemento do material de intervención, a práctica diaria de simulacros de acción, o adestramento físico ou a comprobación dos diferentes medios de extinción que se atopan no seu ámbito de actuación», sinalan desde o sindicato.

Mesa de negociación

Por outra banda, para que os GES poidan dar o mellor servizo posible á cidadanía, CCOO reivindica a creación dunha mesa de negociación na que abordar a súa indefinición contractual e o recoñecemento dos seus dereitos laborais. «Estas empregadas e empregados públicos teñen dereito a saber do seu futuro laboral e da estabilidade no emprego, de xeito que poidan conciliar a vida familiar da mellor forma posible», afirma Comisións.

CCOO tamén pide a cobertura das baixas laborais que superen os quince días, mediante bolsas de emprego que para este efecto se crearon en cada comarca; recursos suficientes para a realización do seu traballo con eficacia e seguridade e a elaboración dun plan de autoprotección por territorios, para dar formación básica á poboación, especialmente aos colectivos máis vulnerables.

Por último, o sector da Administración local de CCOO solicita ás Administracións competentes que lles faciliten aos GES a información precisa para a actualización e revisión das bocas de incendios e puntos de auga, tanto para a acción preventiva como para a actuación nun incendio forestal.

CCOO lembra que a misión dos GES é responder ás emerxencias, non atender «caprichos dos alcaldes»

mércores 12 de setembro de 2018