Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

mércores 13 de marzo de 2019

CCOO insta o Concello de Lugo a solucionar os problemas de liquidez do centro de día público Novo Antonio Gandoy

  • Mediado o mes de marzo, o persoal non cobrou a nómina de febreiro e o sindicato teme que a situación poida empeorar, xa que a Administración local lle debe á empresa varias mensualidades

Comisións Obreiras (CCOO) insta o Concello de Lugo a solucionar os problemas de liquidez do centro de día público Novo Antonio Gandoy. Tras coñecer que o persoal non cobrara a nómina de febreiro, o sindicato realizou xestións tanto coa empresa como coa Administración para coñecer a orixe do problema. Segundo confirmou a actual adxudicataria, Innovación y Desarrollo Existencial SL, o Concello débelle unha importante cantidade, equivalente a varias mensualidades de prestación do servizo.

Centro de día público Novo Antonio Gandoy | Foto: Google Street View

Centro de día público Novo Antonio Gandoy | Foto: Google Street View

Mediado xa o mes de marzo, a empresa continúa sen lles ingresar aos traballadores e traballadoras a última nómina. Ao tempo, a Administración local tampouco liberou os pagamentos que debe, polo que CCOO teme que a situación poida empeorar. «Aí xa non só falariamos do persoal, senón tamén da atención ás persoas usuarias, que é unha prioridade para todas e todos», inciden desde o sindicato.

CCOO insta o Concello a «axilizar os trámites» para liberar o diñeiro que debe ingresar á empresa pola prestación dos servizos a que se comprometeu no concurso público, e a «tomar as medidas necesarias» para impedir que a situación se repita. Do contrario, o sindicato non descarta acudir á Inspección de Traballo ou tomar outro tipo de medidas.

En marcha un novo concurso

Por último, CCOO lembra que está en proceso unha nova licitación do servizo —o prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 12 de abril—, na que destacan como aspectos avaliables a mellora das condicións salariais e a calidade do emprego. Comisións aplaude que se puntúen especialmente estes dous aspectos, pero consideraría «un desatino» que non se tomen as medidas axeitadas para garantir o seu cumprimento. Así mesmo, lembra que empresas como a actual adxudicataria non poderían ser beneficiadas coa concesión se manteñen débedas co persoal ou coas Administracións.

CCOO insta o Concello de Lugo a solucionar os problemas de liquidez do centro de día público Novo Antonio Gandoy

mércores 13 de marzo de 2019

Áreas temáticas relacionadas

O teu sindicato - Unións Territoriais - Lugo - Actualidade