Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

xoves 14 de marzo de 2019

CCOO nega que o persoal que se queira funcionarizar vaia ter as preguntas antes do exame

  • O sindicato aclara que se trata dun proceso voluntario para cambiar de réxime xurídico, xa que o persoal que pretenda funcionarizarse manterá as mesmas condicións laborais e retribucións

Comisións Obreiras (CCOO) nega que o persoal laboral fixo que participe voluntariamente no proceso de funcionarización vaia dispor das preguntas do exame, ou mesmo que poida presentarse a eles cos apuntamentos, tal como recollen algúns medios de comunicación. O sindicato aclara que haberá unha batería de preguntas sobre un temario publicado, das cales un tribunal escollerá as que formen parte da proba. O persoal tampouco poderá acudir con apuntamentos, senón con textos legais, como ocorre noutros procesos.

CCOO lembra que o proceso de funcionarización non é como unha OPE | Foto Rafa Gómez (Flickr)

CCOO lembra que o proceso de funcionarización non é como unha OPE | Foto Rafa Gómez (Flickr)

O sindicato lembra que as traballadoras e traballadores suxeitos a esta funcionarización xa pasaron un proceso selectivo —para lograr a condición de persoal laboral fixo—, polo que o trámite de funcionarización se axusta ao legalmente recollido tanto no EBEP como na lei do emprego público de Galicia.

A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO salienta que a funcionarización é unha demanda histórica de todos os sindicatos, e que incluso as autoridades europeas recomendan unificar a relación xurídica de todo o persoal das Administracións públicas. Así mesmo, Comisións lembra que noutras comunidades autónomas, e ata na Administración xeral do estado, xa se fixeron procesos de funcionarización «sen que se crease unha polémica artificiosa».

Pon como exemplo o propio Servizo Galego de Saúde, no que o persoal laboral fixo pode pasar a ser persoal estatutario (funcionarizarse) «simplemente a través dunha solicitude de parte», pois só cambia o réxime xurídico, non as condicións ou retribucións. Neste sentido, a Dirección Xeral da Función Pública manifestou que, se a lexislación llo permitise, utilizaría o mesmo procedemento ca no Sergas.

CCOO recalca que se debe diferenciar a funcionarización voluntaria, para persoal laboral fixo que se manterá no mesmo posto; a promoción interna separada, que afecta o persoal que xa está na Administración e ten por obxecto facilitar pasar dun grupo profesional a outro; os procesos de estabilización do emprego temporal, de carácter excepcional, e as ofertas públicas de emprego de acceso libre con concorrencia, que é o mecanismo ordinario de provisión do emprego público.

En definitiva, con este proceso «ninguén lle quita nada a ninguén», pois parte do persoal cambiará o réxime xurídico da praza que xa ocupa; outro persoal terá máis prazas ás que concursar ou máis promoción profesional; outros terán a posibilidade de optar a estabilizar un posto fixo na Administración; e, finalmente, tamén haberá máis prazas para o acceso libre puro, por medio da recuperación de máis emprego público.

CCOO nega que o persoal que se queira funcionarizar vaia ter as preguntas antes do exame

xoves 14 de marzo de 2019