Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

mércores 15 de maio de 2019

Declaración da Comisión Executiva do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

17 de Maio de 2019, Día das Letras Galegas

​O 17 de Maio celebramos o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao historiador e etnógrafo Antonio Fraguas Fraguas (Cotobade, 1905-Santiago de Compostela, 1999). Desde o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia aplaudimos a decisión da Real Academia Galega de homenaxear este ano unha figura de consenso que encarnou, coma poucos, os valores galeguistas.

17 de Maio, Día das Letras Galegas

17 de Maio, Día das Letras Galegas


Fraguas consagrou a súa vida a recuperar e pór en valor a historia e a cultura de Galicia, cun interese moi marcado pola etnografía, como proba a súa fecunda obra bibliográfica. Formou parte, ademais, das principais institucións culturais do país (o Seminario de Estudos Galegos, a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega) e foi fundador doutras (como o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ou o Museo do Pobo Galego).

O seu compromiso valeulle ser represaliado e depurado do ensino público polo franquismo. O contexto adverso non lle impediu seguir traballando no que el cría, séndolle aplicable o que anos despois diría sobre os artistas:
«Hai en cada artista unha esperanza de superación na obra que interpreta, (…) cada nota é unha verba de amor, un sentimento inconcluso; sempre un canto, un logro de constancia (…) ».

As palabras de Fraguas débennos servir de inspiración para seguir construíndo, en positivo, un marco de convivencia no que sexan respectados os dereitos lingüísticos dos cidadáns e cidadás de Galicia.

Este ano, o 17 de Maio vén marcado pola proximidade dos comicios locais e europeos. Desde CCOO coidamos que é a nosa obriga reivindicar que o galego sexa elemento de concordia e unidade nas campañas electorais, e rexeitamos de raíz os discursos intolerantes, discriminatorios e totalitarios que algúns partidos políticos poden ter a tentación de asumir como propios, como xa aconteceu nas recentes eleccións xerais.

Ora ben, que o galego sexa un elemento de concordia non significa renunciarmos a criticar o desleixo das diferentes Administracións canto ás súas obrigas respecto da promoción da nosa lingua, especialmente no caso da Xunta de Galicia. O Goberno galego aínda non recuperou os orzamentos destinados á normalización, que minguou máis dun 70 % nos últimos dez anos, nin presentou tampouco o plan para potenciar o uso do galego entre a poboación moza, anunciado hai xa tres anos.En Galicia persisten aínda os atrancos para un uso normal do galego, perpetuando prexuízos que callan especialmente entre a mocidade, cada vez máis refractaria ao idioma propio do país. Un dos elementos máis daniños é o mal chamado decreto do plurilingüismo, aprobado polo PP ao pouco de chegar á Xunta, e que rebaixou o peso do galego no ensino.

A súa acción viuse reforzada pola LOMCE, aprobada durante o Goberno de Rajoy, que  degradou as linguas cooficiais distintas do castelán. Precisamente, o novo Goberno do Estado deberá ter entre as súas prioridades a derrogación desta lei, absolutamente nefasta para a diversidade lingüística e para o ensino público en xeral.
Resta moito labor pendente e, facendo nosas as verbas de Antón Fraguas, cómpre traballar agora e seguir «traballando arreo no futuro, sempre desinteresadamente, non máis que polo ben de Galicia». Porque a defensa do noso idioma é tamén a defensa dos intereses do pobo galego, dos seus dereitos, da convivencia e da diversidade.

17 de Maio de 2019, Día das Letras Galegas

mércores 15 de maio de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Institucional - Actualidade