Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

martes 11 de xuño de 2019

CCOO afirma que non hai solucións para a atención primaria se non se incrementa o seu orzamento

  • O sindicato coida que o Consello Técnico de Atención Primaria será, na práctica, un «elemento de propaganda» para que a Administración «gañe tempo»

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia afirma que non hai solucións para a atención primaria sen unha maior dotación económica. En concreto, Comisións demanda que o orzamento sanitario aumente do 5,7 % ao 7,2 % do PIB. Desta porcentaxe, a cuarta parte deberíase destinar á atención primaria, fronte ao 12,1 % actual.

CCOO esixe máis orzamento para a sanidade pública

CCOO esixe máis orzamento para a sanidade pública

O sindicato insta a Xunta a convocar «con carácter de urxencia» os partidos políticos, sindicatos, asociacións profesionais e outros axentes sociais relevantes para pór riba da mesa os problemas existentes e acordar o financiamento preciso. Para CCOO, o problema da sanidade non é exclusivo nin de médicos, nin de atención primaria. «Os problemas son globais, polo tanto, tamén o teñen que ser as solucións, sexa cal for a categoría profesional ou o tipo de atención».

CCOO-Sanidade afirma que non vai ser «cómplice» de quen fala de aumento de recursos pero sen incremento dos orzamentos. Para resolver o «grave» déficit sanitario, CCOO coida «imprescindible e urxente» un pacto político e social, xa que as deficiencias da atención primaria teñen como orixe a escaseza de recursos sanitarios. Só así se conseguirá reducir as listaxes de espera, evitar o peche de camas e quirófanos ou dispor de, polo menos, dez minutos para cada consulta.

Por último, CCOO afirma que o Consello Técnico de Atención Primaria podería ser un instrumento «dinamizador» se no seu seo se falase dos problemas reais e das alternativas. Porén, coida que, na práctica, é un «elemento de propaganda que só serve para que a Administración gañe tempo».


 

CCOO afirma que non hai solucións para a atención primaria se non se incrementa o seu orzamento

martes 11 de xuño de 2019