Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

venres 5 de xullo de 2019

Os sindicatos denuncian as deficiencias que soportan os equipos de valoración e orientación

  • A falta de medios ocasiona atrasos nas valoracións que prexudican un importante segmento de poboación en situación de vulnerabilidade

As organizacións sindicais con presenza na mesa xeral de empregados públicos (FSC-CCOO, CIG, CSI-F e FeSP-UGT) poñemos de manifesto as distintas reclamacións e problemáticas dos equipos de valoración e orientación (EVO) da Consellaría de Política Social.

Sección de Cualificación e Valoración de Discapacidade de Lugo | Foto: Google Street View

Sección de Cualificación e Valoración de Discapacidade de Lugo | Foto: Google Street View

Os equipos de valoración e orientación teñen a misión de facilitar a axuda necesaria a todas as persoas con discapacidades para afrontaren dun xeito mellor os diferentes ámbitos da vida. O grao de discapacidade recoñécese mediante o traballo dos evo, que dependen das xefaturas territoriais da Consellaría de Política Social. O obxectivo é beneficiar non só fiscal, laboral ou economicamente, senón tamén socialmente a persoas de calquera idade que presenten deficiencias permanentes non recuperables.

As pautas de valoración baséanse na exploración e capacidade para realizar as actividades básicas da vida diaria que leva a cabo un equipo multidisciplinar composto por servizo de medicina, psicoloxía e de traballo social, co fin de tomar as medidas precisas para favorecer as persoas con discapacidade.

Principais eivas denunciadas polos sindicatos

A dotación de persoal coa que contan os EVO é ás claras insuficiente para sacar adiante o traballo diario. Neste senso, o atraso nas valoración supón un claro prexuízo para unha parte desta sociedade que, sendo vulnerable, debera beneficiarse dun servizo público caracterizado pola prestación de axuda de xeito eficaz e efectivo.
O modelo de solicitude de recoñecemento do grao de discapacidade debe modificarse, pois non facilita o traballo do persoal técnico. Ademais, xera dúbidas a quen o solicita pola terminoloxía utilizada. Tendo en conta que a valoración final se obtén dunha suma de factores entre os cales son moi importantes os sociais, resulta claramente contraditorio e confuso que no propio modelo de solicitude apareza marcada por defecto a negación expresa á valoración dos ditos factores, polo que se lles están a restar dereitos aos usuarios.

É destacable a novidade de poder acceder a través de medios informáticos como o IANUS —a aplicación informática do Sergas— á historia clínica e toda a documentación necesaria para avaliar cada caso. Porén, nalgunhas situacións, sobrecarga o persoal de psicoloxía, que non ten acceso ao dito sistema e ha recorrer decontino ao persoal médico que, ademais do seu traballo, debe facilitar a información requirida por este servizo.
Para organizar mellor o tempo de consultas cómpre establecer e respectar debidamente os tempos de exploración, que na actualidade están estipulados en 45 minutos de xeito uniforme. Isto non se corresponde coa dinámica real de traballo dos equipos de valoración.

Tamén cómpre incidir na necesidade de deixar un tempo a maiores —considerado como unha consulta dobre (90 minutos)— para casos especiais que requiren máis tempo na súa avaliación; quedaría, por tanto, establecido ao final da mañá, para non interferir no traballo de todo o equipo. Ademais, é necesario respectar un día da semana (luns ou venres) e aproveitar que se leva a cabo a Xunta de Valoración, para tentear expedientes e realizar os diferentes trámites administrativos e legais (resposta a recursos, revisións, reclamacións, demandas, adaptacións para a realizacións de exames, etc.).

Por todo o exposto, as organizacións sindicais esiximos:

— Que o día da Xunta de Valoración non se cite os pacientes de ningún profesional, co fin de realizar todo o traballo indicado.
— Que o persoal de psicoloxía tamén teña acceso ao IANUS.
— Que se respecten os tempos e horarios nas valoracións.
— Que o modelo de solicitude sexa máis claro e adaptado ás necesidades das persoas usuarias.
— Que se creen, con carácter permanente, novos evo naquelas localidades onde a carga de traballo provoque a superación dos prazos legalmente establecidos, así como a dotación de máis persoal de corpos xerais.

Os sindicatos denuncian as deficiencias que soportan os equipos de valoración e orientación

venres 5 de xullo de 2019

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros
  • Atlantis Seguros