Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#QueNonChaXoguen co salario mínimo

luns 22 de xullo de 2019

25 DE XULLO

Declaración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia polo Día da Patria Galega de 2019

O Día da Patria Galega é para a clase traballadora galega, unha data conmemorativa do compromiso persoal e colectivo con Galicia. Neste día debemos lembrar que defender Galicia e facer país comeza por garantir que as galegas e os galegos poidan vivir e traballar con dignidade na súa terra, que non precisen emigrar para construír proxectos de vida e de futuro.

25 de Xullo, Día da Patria Galega

25 de Xullo, Día da Patria Galega

Facer de Galicia un lugar axeitado para traballar e vivir con dignidade require outro xeito de facer as cousas. Nos últimos meses está a aumentar o emprego, si, pero á custa dunha precariedade laboral intolerable. Tres cifras exemplifican ben esta situación. O 14,8% das persoas ocupadas traballan a xornada parcial, o dato máis alto —só superado no 2015—desde que comezou a recuperación do emprego; o 28,5% da poboación asalariada ten un contrato temporal; e a rotación laboral está en máximos: cada persoa asalariada temporal asinou de media 4,29 contratos no 2018, o cociente máis elevado da última década.

Con estes vimbios é imposible unha recuperación económica firme e continuada: só se está a gañar tempo ata unha nova e dramática caída. Paralelamente, estanse a producir unha serie de transformacións globais que, de non afrontalas, deixarán a Galicia totalmente fóra de xogo, ou, aínda peor, convertida nun deserto industrial e nun xeriátrico.

Con todo, estes desafíos representan unha oportunidade, sempre e cando a resposta se dea en clave de país e cunha posición de liderado. Hai sectores, como o industrial ou o da pesca, nos que posuímos coñecemento e saber facer, polo que cómpre aproveitar a oportunidade, non só para as galegas e os galegos que aínda viven na súa terra, senón tamén para os case 130.000 mozos e mozas que a abandonaron no último lustro.
Corrixir o rumbo

Con motivo do Día da Patria Galega, esixímoslle á Xunta de Galicia que, dunha vez por todas, asuma que as políticas para corrixir o rumbo deben ser tomadas partindo de amplos acordos, para o que debe implicar os axentes políticos, económicos e sociais do noso país. O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras ten identificadas algunhas principais necesidades, que sintetizou nas 10 propostas para un xiro social en Galicia que levamos ao proceso de diálogo social.

As dez propostas de CCOO prevén a reforma integral do Servizo Público de Emprego de Galicia e das políticas activas de emprego; un modelo enerxético inclusivo que xere capacidades industriais propias; un plan de renovación da frota pesqueira galega; a redefinición da formación para o emprego e do mapa de titulacións; un plan contra a precariedade laboral; cláusulas sociais na contratación pública; a modernización das relacións laborais; a extensión dos plans de igualdade na negociación colectiva; políticas formativas e de sensibilización en materia de igualdade e non discriminación por razón de xénero; e medidas de apoio á corresponsabilidade.

Nin a parálise do Goberno do Estado, nin o contexto de eleccións autonómicas que teremos en Galicia no 2020, poden representar un atranco para dar as solucións que reivindica a maioría social deste país, as solucións que demanda a clase traballadora galega.
 
Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2019

Declaración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia polo Día da Patria Galega de 2019

luns 22 de xullo de 2019

Ligazóns de interese relacionadas

10 propostas para un xiro social en Galicia

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Institucional - Actualidade