Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#QueNonChaXoguen co salario mínimo

luns 9 de setembro de 2019

CCOO insta a formación dun novo Goberno no Estado para cubrir as necesidades da sanidade pública

  • Representantes do sindicato tiveron hoxe unha xuntanza co Grupo Común da Esquerda e Galicia en Común na que tamén se falou da atencion á dependencia e do financiamento do sistema sanitario

Comisións Obreiras (CCOO) insta a que se forme «canto antes» un novo Goberno no Estado para cubrir as necesidades do sistema sanitario público. Representantes do sindicato tiveron hoxe en Santiago de Compostela unha xuntanza co Grupo Común da Esquerda e Galicia en Común, encontro no que tamén se falou da atención ás persoas dependentes e do financiamento do sistema sanitario.

Un momento da reunión na sede nacional de CCOO de Galicia

Un momento da reunión na sede nacional de CCOO de Galicia

Por parte de CCOO participaron na reunión o secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, o secretario xeral estatal da Federación de Sanidade, Antonio Cabrera, e os secretarios de Comunicación e de Organización da federación galega, Javier González e Luz Fernández, respectivamente. Por Galicia en Común acudiu a súa voceira, Yolanda Díaz, mentres que o Grupo Común da Esquerda estivo representado pola súa voceira de Sanidade, Eva Solla.

Posteriormente, en declaracións aos medios de comunicación, Antonio Cabrera recalcou a urxencia de que España conte cun Goberno o antes posible porque «hai moitos problemas cuxa solución non admite máis demora», indicou o sindicalista.

Atención á dependencia

O responsable da federación estatal de Sanidade puxo o exemplo do sector da dependencia, altamente feminizado e moi precarizado, con condicións «que rozan o limiar do normal». Ademais, as traballadoras padecen un elevado índice de absentismo e están «moi medicadas» por mor das diversas doenzas e esforzos que realizan.

Segundo Cabrera, se o Estado cumprise os seus compromisos —a Lei de dependencia establece un financiamento mixto do 50 % entre Goberno central e comunidades autónomas—, seguramente os salarios serían decentes e as ratios de persoal, máis axeitadas; tamén se daría resposta ás máis de 300 000 persoas dependentes que non perciben unha prestación á que teñen dereito.

Actualmente, o Estado financia o 19 % da atención á dependencia. CCOO propón un mínimo razoable, que é elevar a porcentaxe ao 40 % en catro anos, período durante o cal a Administración central debería aumentar o investimento en 250 millóns anuais.

Cualificación e clasificación profesional

Cabrera tamén se referiu á problemática relativa á cualificación e clasificación profesional do persoal da sanidade. Neste punto, criticou a «anomalía» de que o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) leve once anos cunha disposición transitoria que trata esta cuestión, pendente de desenvolvemento. O sindicalista tamén criticou algunhas «incoherencias» do EBEP canto á clasificación profesional, ata o punto de que persoas cos mesmos créditos ECTS na súa titulación poden estar encadradas en grupos profesionais diferentes, co que iso implica.

A Federación estatal de Sanidade de CCOO elaborou e presentou unha proposta integral de cualificación e clasificación profesional para corrixir todas as eivas detectadas, que puxo en coñecemento do Instituto Nacional de Cualificacións (INCUAL) e do Ministerio de Sanidade.

CCOO pide que os cambios entren en vigor mediante un III Acordo da Función Pública, que se aplicarían ao longo de tres exercicios orzamentarios, tal como se fixo no último acordo de emprego público que se asinara xa co Goberno de Mariano Rajoy. Cabrera calculou que o custo sería dun 4,7 % da masa salarial, que se correspondería co 5 % que o Goberno de Rodríguez Zapatero furtou ao persoal sanitario, igual que ao resto das empregadas e empregados públicos.

CCOO insta a formación dun novo Goberno no Estado para cubrir as necesidades da sanidade pública

luns 9 de setembro de 2019

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros
  • Atlantis Seguros