Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Conferencia de Xuventude de Galicia

mércores 12 de febreiro de 2020

CCOO-Ensino denuncia a censura nas dependencias da Xunta de Galicia

  • A policía impediu que os medios de comunicación captasen imaxes ou recollesen declaracións dentro do Complexo Administrativo de San Caetano

CCOO e o resto de organizacións sindicais con representación no ensino entregaron o mércores un escrito no rexistro da Xunta de Galicia esixindo a recuperación do horario lectivo de 18 e 21 horas en secundaria e primaria, respectivamente, e rexeitando a interlocución da Consellaría de Educación nesta materia. Como adoita acontecer, os medios de comunicación achegáronse para captar imaxes e recoller as declaracións dos voceiros sindicais. Porén, por vez primeira na historia, a Xunta enviou a policía para impedir que os medios de comunicación puidesen realizar o seu traballo dentro do Complexo Administrativo de San Caetano.

A Xunta tenta silenciar os sindicatos

A Xunta tenta silenciar os sindicatos

Para CCOO-Ensino, estes atrancos constitúen un «sinal de autoritarismo» e intento de «ocultación de toda posición critica» co Goberno galego no actual contexto preelectoral, ás portas dunhas eleccións o vindeiro 5 de abril.

CCOO-Ensino pon de manifesto que a actuación do responsable de seguridade do complexo de San Caetano «atenta contra a liberdade de prensa» e impide de modo «insólito» o traballo dos medios de comunicación acreditados en San Caetano. Ademais, o dito responsable aludiu a unha interpretación «moi particular» da lei de protección de datos, o que obrigou tanto a sindicalistas como a medios de comunicación a se trasladaren fóra da sede administrativa para realizar as declaracións.

Devolución do horario

No escrito presentado, os sindicatos con representación no ensino esixen a devolución do horario previo ao ano 2012, isto é, 18 horas lectivas en secundiaria e 21 en primaria. Lembran que a volta a ese horario é posible tras o cambio lexislativo estatal, que anulou o real decreto do PP que impuña ese aumento da carga lectiva.

Os sindicatos interpelan directamente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen consideran responsable último do enquistamento da situación actual e lémbranlle que ten a potestade de desbloqueala.

CCOO-Ensino denuncia a censura nas dependencias da Xunta de Galicia

mércores 12 de febreiro de 2020