Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Conferencia de Xuventude de Galicia

venres 14 de febreiro de 2020

Coloquio e proxección en Santiago de Compostela dun documental sobre Marcelino Camacho

  • Intervirán Ramon Sarmiento, secretario xeral de CCOO, Eva Solla, secretaria xeral do PCG, Marcel Camacho, fillo de Marcelino e produtor, e Adolfo Dufour

Comisións Obreiras (CCOO), o PCG, Esquerda Unida e a Fundación 10 de Marzo, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, organizan para o vindeiro xoves, 20 de febreiro, a proxección do documental 'Lo posible y lo necesario', que narra a traxectoria de loita sindical de Marcelino Camacho, primeiro secretario xeral confederal de CCOO. Será ás 19:00 na Facultade de Ciencias da Educación (rúa do Prof. Vicente Fráiz Andón, Campus Vida).

Cartel anunciador da proxección

Cartel anunciador da proxección

Previo á proxección haberá un coloquio en que intervirán Ramon Sarmiento, secretario xeral de CCOO, Eva Solla, secretaria xeral do PCG, Marcel Camacho, fillo de Marcelino e produtor, e Adolfo Dufour, director do documental.

Marcelino Camacho

O compromiso militante de Marcelino Camacho Abad (Soria, 21 de xaneiro de 1918 - Madrid, 29 de outubro de 2010) comezou moi cedo, en 1935, cando con só 17 anos se afiliou ao Partido Comunista. Cando comezou a guerra civil, alistouse en defensa da legalidade republicana, o que lle custaría unha pena de traballos forzados en Tánxer (Marrocos, pero ocupada por España ata 1945).

En 1944, Marcelino fuxiu e exiliouse a Orán (Alxeria), onde entrou en contacto con outros represaliados. Catro anos máis tarde casaría coa súa eterna amiga e compañeira, Josefina Samper, que o acompañou ata os últimos días.

Indultado en 1957, regresou a España para traballar na metalurxia, sector no que promovería unhas Comisións Obreiras daquela clandestinas, que se irían infiltrando no sindicato vertical franquista co fin de lograr melloras sociais para a clase traballadora. O labor sindical levouno a prisión en 1967 e a ser condenado a nove anos de cárcere. O seu nome tamén formou parte do histórico Proceso 1001, no que as autoridades franquistas xulgaron os principais dirixentes das CCOO.

Coa fundación da Confederación Sindical de CCOO en 1976, foi o primeiro secretario xeral do sindicato e, asemade, era membro do Comité Central do Partido Comunista de España (PCE). Un ano máis tarde elixíano deputado por Madrid nas eleccións constituíntes de 1977. Dirixiu a Confederación Sindical ata 1987, período en que CCOO se converteu no primeiro sindicato no ámbito estatal, posición que mantén ata hoxe.

Coloquio e proxección en Santiago de Compostela dun documental sobre Marcelino Camacho

venres 14 de febreiro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade