Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

mércores 19 de febreiro de 2020

Marcel Camacho: «Os dereitos conquístanse, pero hainos que defender constantemente, diría meu pai»

  • Mañá xoves, 20 de febreiro, terá lugar en Santiago de Compostela un coloquio sobre o histórico sindicalista Marcelino Camacho e a proxección dun documental sobre o movemento obreiro

Santiago de Compostela acollerá mañá xoves, día 20 de febreiro, un coloquio e a proxección dun documental sobre Marcelino Camacho e o movemento obreiro. O acto está organizado polo Sindicato Nacional de CCOO e Galicia, Esquerda Unida, PCG e Fundación 10 de Marzo, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela. A tres semanas do Día da Clase Obreira Galega, as entidades que organizan o acto salientan a traxectoria de compromiso e de loita do histórico sindicalista, recollida agora no documental Lo posible y lo necesario.

Fotografía da conferencia de prensa e, inserido en primeiro plano, cartel do acto

Fotografía da conferencia de prensa e, inserido en primeiro plano, cartel do acto

Nunha conferencia de prensa na que se explicaron os detalles e se afondou sobre o documental, Omar Ceveira, secretario de Comunicación de CCOO, salientou a traxectoria de Marcelino Camacho na loita polas liberdades e en defensa da clase obreira. Ese compromiso, «na dobre vertente sindical e política», levouno a padecer moitos anos de cárcere en diferentes etapas. En opinión de Ceveira, ratificada polo fillo do protagonista, a loita sindical de Marcelino era «inseparable da política», porque «todo o que afecta ás condicións de vida da clase obreira forma parte do labor sindical».

A seguir, Eva Solla, secretaria xeral do PCG e coordinadora nacional de Esquerda Unida, sinalou a «gran sorte» que tiveron tanto o Partido Comunista como as Comisións Obreiras «de contaren no seu seo con persoas como Marcelino Camacho e tamén como Josefina Samper», compañeira de loita e de vida.

Solla salientou a necesidade, «neste momento histórico e político», de lembrar a traxectoria de persoas «fundamentais na loita pola democracia» e de «preservar a memoria». Neste punto, criticou a recente actuación do Concello de Madrid, que borrou as palabras do poeta Miguel Hernández nunha obra que rende homenaxe ás vítimas do franquismo.

Pola súa parte, Marcel Camacho, fillo de Marcelino e Josefina, apuntou que o obxectivo de Lo posible y lo necesario non era tanto facer unha biografía do histórico dirixente sindical e comunista, senón «recuperar a memoria das persoas que loitan pola liberdade, especialmente desde os anos sesenta, que entronca coa loita do movemento obreiro».

Camacho enfatizou que a nosa democracia «non sería posible sen un movemento obreiro moi organizado e potente, que obrigou á legalización do PC e conseguiu que a actual Constitución sexa moi avanzada, aínda que non se cumpra». Con todo, na súa opinión, o traballo non está rematado. «Os dereitos conquístanse, pero hainos que defender constantemente, diría meu pai».

Adolfo Dufour, director do filme, cualificou a vida de Camacho como «de grande interese cinematográfico», que transcende a vida del e reflicte «as vicisitudes das familias obreiras e campesiñas. Toda a loita desas familias para sobreviviren». Tamén, «o que representou a guerra civil, a loita contra a ditadura e, xa na democracia, impedir que se lle roube á clase obreira o que logrou coa súa loita».

«O filme non elude nada do que aconteceu na vida de Marcelino. Usáronse todos os documentos coñecidos da súa vida, pero tamén anotacións e documentos da familia e do Arquivo de Salamanca», apuntou o cineasta, quen lembrou que o documental pasou por máis de noventa salas de cinema de toda España, tamén de Vigo e Santiago, e festivais de cinema.

Proxección e coloquio

O coloquio, con posterior proxección do documental, terá lugar mañá xoves, día 20 de febreiro, ás 19:00. Será na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela (rúa do profesor Vicente Fráiz Andón, Campus Vida). Intervirán Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO, Eva Solla, secretaria xeral do PCG, Marcel Camacho, fillo de Marcelino e produtor, e Adolfo Dufour, director do documental.

Marcel Camacho: «Os dereitos conquístanse, pero hainos que defender constantemente, diría meu pai»

mércores 19 de febreiro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade