Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

xoves 2 de abril de 2020

Gadis atende as demandas de CCOO e decide pechar as súas tendas o Xoves Santo

  • O sindicato pide a derrogación da resolución da Xunta, do pasado 15 de marzo, pola que liberaliza os horarios comerciais dos establecementos de primeira necesidade

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia considera positiva a medida tomada por Gadis de pechar o Xoves Santo, tal como pedía este sindicato. A empresa daralle ao persoal dous días de descanso para salvagardar a saúde das persoas e contribuír á prevención e contención do virus.

Establecemento comercial de GADIS | Foto: GADIS

Establecemento comercial de GADIS | Foto: GADIS

CCOO tamén considera «moi oportuna» a achega dunha gratificación ás súas traballadoras e traballadores, como xa fixeron outras marcas, «para compensar o sobreesforzo, entrega e xenerosidade amosada por un persoal que leva traballando ao límite desde o inicio desta crise».

A Federación de Servizos de CCOO agarda que estas medidas sexan implantadas polo resto de empresas do sector, supermercados e hipermercados, e mais que atendan a demanda de non abrir os domingos.

Derrogar a resolución de horarios comerciais

Por último, CCOO insiste na necesidade de que a Xunta de Galicia derrogue «decontado» a medida adoptada mediante a resolución do pasado 15 de marzo, pola que liberaliza os horarios dos establecementos de primeira necesidade.

Para CCOO, debe ser compatible a debida garantía de acceso a produtos básicos alimentarios ou de hixiene coa seguridade e saúde dos cadros de persoal e estas normativas liberalizadoras, amais de inconvenientes, poden ter un «efecto chamada» xusto no momento de maior confinamento da poboación, polo que deberían restrinxirse e racionalizarse os horarios de atención.

Gadis atende as demandas de CCOO e decide pechar as súas tendas o Xoves Santo

xoves 2 de abril de 2020