Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

venres 22 de maio de 2020

CCOO pide a dimisión da dirección do hospital Polusa por ocultarlle ao persoal un caso positivo de COVID-19

  • Boa parte das probas de detección realizadas ao persoal de enfermaría e celadores «desapareceron» e non se coñecen os resultados

A representación sindical de CCOO no hospital privado lugués Polusa denuncia que a dirección lle ocultou durante dúas semanas ao persoal un caso positivo de COVID-19. Ante a gravidade dos feitos, o sindicato pide a dimisión da dirección, pois «é totalmente inaceptable que xente sen escrúpulos dirixa este hospital».

Durante dúas semanas, a dirección non informou o persoal

Durante dúas semanas, a dirección non informou o persoal

Segundo CCOO, a principios de mes comezou a haber rumores no policlínico sobre un posible caso positivo de COVID-19 na unidade do maior. O pasado 8 de maio, un venres, a dirección convocou o comité de seguridade e saúde para informalo «dunha cuestión de grande importancia». O mesmo día, comezaron a tomárselles mostras a varias traballadoras e traballadores para a detección de coronavirus.

Xa o día da reunión, o luns 11 de maio, a dirección despachou a xuntanza con temas «intranscendentes», denuncia CCOO. A representación sindical preguntou explicitamente se houbera algún caso confirmado de COVID-19, e a resposta foi negativa.

O comité descubriu o engano

Tras as investigacións realizadas polo comité de seguridade e saúde, o luns desta semana, 18 de maio, «descubrimos o engano e a dirección recoñécenos que tiña os resultados desde o pasado 2 de maio e que nos ocultaran a información». Canto ás probas realizadas o día 8, «boa parte das correspondentes ao persoal de enfermaría e celadores están desaparecidas e non se coñece resultado ningún», denuncia CCOO. Ao tempo, o sindicato critica que houbo persoal en contacto con ese caso positivo —incluso membros do comité— ao que non se lle fixera nese tempo proba de ningún tipo.

Esta semana comezaron as probas PCR

Tras a presión do comité, o día 21 de maio comézase a realizarlle as probas PCR ao persoal de Polusa. A representación legal dos traballadores e das traballadoras repróchalle á dirección que as probas son insuficientes, xa que transcorreu moito tempo desde o posible contaxio e poderían darse falsos negativos. A día de hoxe, a dirección de Polusa nin sequera tomou a precaución de afastar o persoal exposto, que segue prestando servizos sen saber realmente se é potencial transmisor da enfermidade.

O comité de seguridade e saúde non entende que, co esforzo que se está a facer para conter a pandemia e incluso despois de falecer persoal sanitario no combate á enfermidade, a dirección de Polusa consinta poñer en perigo os traballadores e traballadoras, así como as súas familias.

CCOO pide a dimisión da dirección do hospital Polusa por ocultarlle ao persoal un caso positivo de COVID-19

venres 22 de maio de 2020

Áreas temáticas relacionadas

O teu sindicato - Unións Territoriais - Lugo - Actualidade
Información - Coronavirus - Noticias sindicais