Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

martes 26 de maio de 2020

CCOO-Sanidade solicita paralizar a segunda parte do estudo epidemiolóxico autonómico

  • Os datos apuntan a que unha mostra maior non modificará os resultados, mentres que a continuidade do estudo sobrecargaría os equipos de atención primaria

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia solicita paralizar a segunda parte do estudo epidemiolóxico autonómico, anunciado na fin de semana polo presidente da Xunta. A intención do Goberno autonómico é testar 50 000 galegos e galegas máis. Porén, fontes expertas sinalan que, cos datos recollidos polo de agora, unha ampliación da mostra non modificaría os resultados, segundo os cales a prevalencia do coronavirus na poboación galega foi só do 1,15 %.

A prevalencia da COVID-19 na sociedade galega é do 1,15%, segundo o estudo realizado

A prevalencia da COVID-19 na sociedade galega é do 1,15%, segundo o estudo realizado

Desde CCOO coidan que continuar co estudo significaría sobrecargar os equipos de atención primaria, aínda máis cando este mesmo traballo xa se está a facer no ámbito estatal, correspondéndolle a realización das probas tamén a este persoal, que é a primeira porta de acceso á sanidade pública.

Para CCOO, agora que se retoma a atención presencial na atención primaria, «resultaría inadmisible empregar os escasos recursos noutro labor que non sexa a asistencia, diagnóstico e tratamento precoz dos novos casos», especialmente nun momento en que «a evolución da pandemia é positiva».

Máis funcións, pero non máis recursos

Por último, CCOO-Sanidade lembra que, malia o incremento de responsabilidades e de funcións do persoal da atención primaria, incluso co recoñecemento por parte do conselleiro do ramo de que cómpre reforzala, «todo ficou en palabras: non se reforzou a dotación de medios materiais, técnicos, nin humanos». Así, a atención primaria afronta a nova etapa da desescalada con axendas saturadas, ausencias de persoal non cubertas, falta de médicos e médicas de familia, doentes crónicos que non tiveron seguimento durante o confinamento, calendarios de vacinas interrompidos que cómpre retomar, ao que se sumarán proximamente os desprazamentos de poboación durante o verán.

CCOO-Sanidade solicita paralizar a segunda parte do estudo epidemiolóxico autonómico

martes 26 de maio de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Coronavirus - Noticias sindicais