Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

xoves 28 de maio de 2020

CCOO oponse á desaparición dos trens hoteis que conectan Galicia con Madrid e Barcelona

  • O sindicato rexeita os criterios economicistas de Renfe e pide a implicación das Administracións

O sector Ferroviario de CCOO de Galicia oponse á decisión de Renfe de non recuperar as conexións nocturnas de Galicia con Madrid e Barcelona. Tras múltiples intentos de suprimir estes trens, agora aproveitan a crise da COVID-19 para acabar con estes servizos. De se confirmar esta supresión, perderíanse en Galicia arredor de 46 postos de traballo directos dos máis de cen de toda España, entre persoal de servizos a bordo (restauración e camas), limpeza, mecánica, maquinistas, interventores/as, servizos en terra, atención ás persoas con mobilidade reducida, etc. Moitos destes colectivos están xa nun ERTE, pero poderían non recuperar o emprego no futuro.

Interior dun tren hotel | Foto: Renfe.es

Interior dun tren hotel | Foto: Renfe.es

Segundo CCOO, estes trens hoteis son fundamentais para Galicia que, ao igual ca outras comunidades, ten unha alta porcentaxe de persoas usuarias que os prefiren fronte ao avión ou ao transporte por estrada.

O sindicato rexeita os criterios economicistas expostos por Renfe para adoptar estas medidas. En primeiro lugar, gran parte das perdas que alegan prodúcense pola mala xestión que a empresa aplica con estes trens, polo gran número de incidencias e atrasos que se producen, por falta de locomotoras ou o seu deficiente mantemento e pola falta de persoal, que fai que se invista moito diñeiro en indemnizacións e devolucións do importe dos billetes.

En segundo lugar, cómpre unha aposta decidida polo ferrocarril convencional, que debe considerarse un servizo público de calidade que garanta a mobilidade das persoas, destacando a súa rendibilidade social como elemento vertebrador do territorio, pola súa accesibilidade, baixa sinistralidade e vantaxes ecolóxicas evidentes e amplamente recoñecidas.

Nos últimos anos, mentres que a estes servizos se lles esixiu a rendibilidade económica pura e dura, outros medios de transporte moito máis contaminantes foron potenciados e subvencionados.

A tendencia que mantivo Renfe nos últimos anos é a eliminación paulatina dos trens nocturnos, mentres outros países europeos como Suecia, Suíza, Alemaña ou Francia están a potenciar este tipo de servizos ferroviarios.

CCOO reivindica a utilidade dos servizos nocturnos para Galicia, especialmente mentres non se reducen os tempos de viaxe pola liña de alta velocidade a Madrid.

Por esta razón, o sector Ferroviario de CCOO pídelle á Xunta que inste o Ministerio de Transportes a que se manteñan estes trens, fundamentais para o noso país.

CCOO oponse á desaparición dos trens hoteis que conectan Galicia con Madrid e Barcelona

xoves 28 de maio de 2020