Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

venres 29 de maio de 2020

Ramón Sarmiento: «Hai que tomar en serio a intervención pública de Alcoa»

  • «Pelexaremos con todas as consecuencias polo futuro da Mariña», advirte o secretario xeral de CCOO

O secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, advirte de que o sindicato pelexará «con todas as consecuencias polo futuro da Mariña e de Alcoa». O dirixente sindical coida que é o momento de «tomar en serio, por unha vez, a intervención pública e contundente desta instalación industrial».

O secretario xeral de CCOO foi entrevistado pola Cadena SER

O secretario xeral de CCOO foi entrevistado pola Cadena SER

Así o afirmou o secretario xeral de CCOO nunha entrevista concedida na tarde do xoves á Cadena SER para explicar a posición do sindicato ante o anuncio da multinacional estadounidense, que pretende dar cabo de parte da actividade industrial que realiza en San Cibrao e despedir máis de cincocentos traballadores e traballadoras.

«Nun contexto que xa é tan complexo, non por non previsto, o anuncio é un golpe considerable», apuntou Sarmiento, quen non obstante puntualizou que «hai tempo para evitalo».

«Se este país quere ser crible, no contexto dun pacto pola recuperación social e económica que incorpore o elemento estratéxico que representa a industria», Alcoa en San Cibrao «reúne tantas singularidades, tantos elementos particulares, estratéxicos, sectoriais e territoriais» que xustificarían unha intervención pública que, ademais, sería «perfectamente viable», afirmou Sarmiento.

O secretario xeral de CCOO lembrou que Alcoa-San Cibrao é a única planta de transformación de alúmina no noso país, a única operativa que produce aluminio primario, que ademais posúe varias singularidades, como o feito de dispoñer «dun porto que é propiedade de Portos do Estado», entre outras.

Ramón Sarmiento tamén explicou que «o noso país non se pode permitir non ter garantía de subministración dun metal como é o aluminio, un metal do presente e do futuro», que está integrado na dinámica da transición ecolóxica «e que vai precisar a nosa economía nas próximas décadas». A día de hoxe, «a garantía de subministración para o país e diversos sectores é San Cibrao», advertiu.

Críticas aos desinvestimentos de Alcoa

Por último, o secretario xeral de CCOO criticou a política de desinvestimentos de Alcoa no Estado español. «Das dez plantas que adquiriu á antiga Inespal, só lle queda San Cibrao», exemplificou. Así mesmo, reprochoulle á multinacional estadounidense o «nulo compromiso de investimento e modernización das instalacións».

Ramón Sarmiento: «Hai que tomar en serio a intervención pública de Alcoa»

venres 29 de maio de 2020

Ligazóns de interese relacionadas

Escoita aquí a entrevista completa

Áreas temáticas relacionadas

O teu sindicato - Unións Territoriais - A Mariña - Actualidade