Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

xoves 25 de xuño de 2020

Oito mobilizacións reivindicarán en Galicia un pacto para unha reconstrución social do país que non deixe a ninguén atrás

  • CCOO e UGT convocan para esta fin de semana sete concentracións e unha manifestación

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia convocan oito mobilizacións para esta fin de semana coa reivindicación dun pacto para a reconstrución social do país e que non se deixe a ninguén atrás. Estas mobilizacións enmárcanse nunha campaña estatal que contará cincuenta concentracións e manifestacións so o lema «Imos saír». Tamén se redactou un manifesto, apoiado por personalidades do mundo social e da cultura de todo o Estado que se xuntaron para reivindicar un gran pacto para a reconstrución social dun país inmerso na crise causada pola pandemia da COVID-19.

De esq. a der., Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO, e J. A. Gómez, secretario xeral de UGT

De esq. a der., Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO, e J. A. Gómez, secretario xeral de UGT

Así, hoxe pola mañá, o secretario xeral de CCOO e o seu homólogo de UGT presentaron en conferencia de prensa os actos previstos para esta fin de semana. En Galicia haberá sete concentracións e unha manifestación. Esta última será o día 27 na Coruña e sairá ás 12:00 horas da Delegación do Goberno.

O resto das concentracións serán todas o día 28 ás 12:00 horas. En Santiago nas Praterías, en Ferrol na praza da Constitución, na praza de Armanyà en Lugo, en Ourense na praza Maior, en Vigo na Farola de Urzáiz, na praza de España en Pontevedra e en Arousa na praza de Galicia.

O secretario xeral de UGT-Galicia insistiu en que «imos saír porque as persoas que estiveron confinadas nas súas casas e os traballadores e traballadoras dos servizos esenciais merecen que baixemos dos balcóns e saiamos á rúa para renderlles unha homenaxe pública».

Engadiu que «imos saír porque os que estivemos traballando durante este tempo para xerar esa rede social que nunca tivera o noso país en ningunha crise anterior cremos que é o momento de tentar que nesta situación se diga como queremos reconstruír o noso país, tras a crise da COVID-19». Fixo fincapé en que debe ser unha reconstrución que non deixe a ninguén atrás.

Este proceso de reconstrución debe apostar por un novo país máis sustentable, produtivamente forte e fiscalmente xusto, acompañado todo dun pacto contra a precariedade laboral.

UGT reclama que se poñan as bases para que todos os elementos que fallaron non volvan fallar. Son coñecidos dabondo os recortes e as necesidades tecnolóxicas e persoais que teñen os servizos de saúde do país, ou a necesidade de mellorar os cocientes e a calidade do emprego nas residencias de maiores, onde as traballadoras estiveron até 24 horas durante semanas por 950 euros, arriscando as súas vidas. Isto non pode volver pasar.

Ademais, urxe un novo país máis sostible, que respecte o medio ambiente, que sexa capaz de determinar cales son os servizos que debe ter como propios, que teñen que formar parte daquelas cuestións que o Estado non pode delegar, e que teña un sistema fiscal xusto que recade impostos.

Ao respecto, José Antonio Gómez fixo fincapé en que «levamos todos estes días escoitando a empresarios que só piden e piden. Neste senso, é fundamental sermos capaces de revisar a fondo o noso sistema tributario. Quen máis gaña ten que pagar máis. O Estado debe ter recadación autosuficiente para atender as necesidades básicas dos seus cidadáns e cidadás».

Aprender das leccións desta crise

Neste momento, apuntou, «resulta fundamental que todos aprendamos das leccións que nos deu a crise»: a solidariedade con todas as vítimas e as súas familias, que foron moitísimas neste país; o agradecemento aos que nos coidaron, arriscando as súas propias vidas sen os elementos suficientes para protexerse a si mesmos; e a concordia que tivemos como sociedade, a pesar das circunstancias, fuxindo da confrontación, do ruído e do odio.

Precisamente, baixo a premisa destas leccións preséntase hoxe esta iniciativa, que non vai contra ninguén, senón co ánimo de reivindicar a suma para saír da forma máis xusta e eficiente desta pandemia.

Recoñecemento para a clase traballadora

Pola súa parte, o secretario xeral de CCOO salientou o «compromiso da clase traballadora» durante a pandemia, especialmente dos milleiros de traballadoras e traballadores «que continuaron traballando para que a unha parte moi relevante da sociedade puidese confinarse». Por esta razón, as concentracións da fin de semana son tamén «un recoñecemento» a estas persoas «que seguiron traballando, moitas veces sen as proteccións axeitadas», labor realizado, fundamentalmente, en sectores altamente feminizados e precarios.

Ambos os sindicatos reclaman das forzas políticas un consenso que xa existe na sociedade civil para saír nas mellores circunstancias desta crise. O futuro pasa polo fortalecemento dos servizos públicos, que son a gran ferramenta da que se dispuxo para loitar contra a COVID-19. Así, hai que desmontar a falacia das privatizacións que se nos vendeu e pola que case se afunde este país. Hai que insistir en demandar uns servizos públicos de calidade, con empregos de calidade e con financiamento suficiente. A día de hoxe estase lonxe dos obxectivos de converxencia coa UE: o gasto sanitario é o 6 % do pib galego, fronte ao 7,9 % do resto da UE.

Detrás do lema «Imos saír», apuntou Sarmiento, está tamén a necesidade de chegar a pactos para «que ninguén quede atrás» como consecuencia da crise económica provocada pola crise sanitaria. «A saída desta crise non debe responder aos intereses das elites, senón ás necesidades da maioría social», sentenciou o secretario xeral de CCOO.

Como parte desta saída, Ramón Sarmiento avogou tamén por un novo marco que corrixa as eivas da reforma laboral imposta polo Partido Popular e por un cambio de modelo produtivo que potencie o peso dos sectores industriais na nosa economía.

Por todo iso, CCOO e UGT instan a cidadanía a que esta fin de semana secunde as mobilizacións convocadas nas cidades e vilas galegas, «con protección pero sen medo, para defender o mellor que temos, os traballadores e traballadoras dos servizos esenciais do noso país». Non só os dos servizos públicos, senón tamén todos aqueles «que arriscaron a vida durante a crise da COVID-19 por salvar a nosa. Todas as persoas que nos coidaron, nos protexeron e nos deron de comer», concluíron Sarmiento e Gómez.

Oito mobilizacións reivindicarán en Galicia un pacto para unha reconstrución social do país que non deixe a ninguén atrás

xoves 25 de xuño de 2020

Documentos relacionados

Manifesto [PDF]
Cadro de mobilizacións [PDF]

Ligazóns de interese relacionadas

Petición en Change.org para asinar o manifesto confederal

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ourense Valdeorras - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ferrol - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Lugo - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Mariña - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Pontevedra - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Arousa - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade