Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

luns 14 de setembro de 2020

18 de setembro, Día Internacional da Igualdade Salarial

Este 18 de setembro será o primeiro que reivindiquemos como Día Internacional da Igualdade Salarial. Unha demanda que debemos entender nun contexto de loita pola igualdade á que aínda lle queda moito percorrido. Daquela, esta data ha supor un estímulo e un reforzo nesa loita en que, día a día, traballadoras e traballadores buscamos avanzar co fin de erradicar de vez a fenda salarial.

18 de setembro, Día Internacional da Igualdade Salarial

18 de setembro, Día Internacional da Igualdade Salarial

Segundo o estudo realizado pola Secretaría Confederal de Mulleres e Igualdade de CCOO, Igualdad retributiva, un derecho pendiente, no ano 2017 o salario medio era de 23 646 euros, pero cunha profunda fenda entre o salario medio dos homes (26 392 €) e o das mulleres (20 608 €). Esta diferenza débese a moi diversos factores —sector de actividade, ocupación, tipo de contrato, tipo de xornada, complementos salariais, etc.— e ten consecuencias nas prestacións sociais: as prestacións contributivas das mulleres son un 15 % inferiores ás dos homes no período 2012-2017 e as pensións por xubilación, un 36 % máis baixas.

Por iso esta é unha reivindicación xusta e necesaria. Nestes tempos difíciles non podemos permitirnos ningún retroceso, e a igualdade retributiva continúa sendo un dereito pendente. Un dereito polo que o sindicato loita acotío nas empresas, un dereito no que debemos avanzar coa negociación colectiva. Con conciencia de clase e perspectiva de xénero, esixindo, negociando e aplicando medidas e plans de igualdade nas empresas. Potenciando as accións encamiñadas ao logro da igualdade de remuneración por traballos de igual valor.

O 18 de setembro é un recordatorio da loita a prol da igualdade, a eliminación de fendas e o logro da xusta e irrenunciable igualdade retributiva.

18 de setembro, Día Internacional da Igualdade Salarial

luns 14 de setembro de 2020

Ligazóns de interese relacionadas

Consulta o estudo 'Igualdad retributiva, un derecho pendiente' [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Igualdade - Actualidade
Servizos - Gabinete de Igualdade - Actualidade