Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

xoves 17 de setembro de 2020

Nova protesta do persoal de Alu Ibérica para denunciar os incumprimentos do Grupo Riesgo

  • O comité de empresa repróchalle á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Industria que non fixesen un axeitado control do proceso que tutelaron, e esixe a súa implicación

O persoal de Alu Ibérica, a antiga Alcoa-A Coruña, volveu saír hoxe á rúa para denunciar os incumprimentos do Grupo Riesgo, que actualmente xestiona a factoría. Desde o comité de empresa esixen a implicación da Xunta de Galicia e do Ministerio de Industria, que xunto co Goberno asturiano tutelaron o proceso de venda das factorías de Alcoa da Coruña e de Avilés.

Un momento da concentración de hoxe

Un momento da concentración de hoxe

Segundo o comité de empresa, desde que se produciu a venda son constantes os incumprimentos, comezando pola propia titularidade das instalacións. Segundo o contrato de compravenda entre Alcoa e o grupo industrial Parter, as fábricas non se podían revender a unha terceira parte. Porén, o fondo suízo vendeulle este ano arredor do 74 % do capital ao Grupo Riesgo.

Desde a representación legal dos traballadores entenden que isto se produciu porque as Administracións implicadas non fixeron un control axeitado do proceso. Con todo, non é o único incumprimento. Case trece meses despois da venda de Alcoa a Parter, os prometidos investimentos non chegan «nin hai indicios que nos fagan pensar que a factoría teña futuro», lamentan.

«Actualmente estamos cunha produción en mínimos, do 10 % da capacidade. As Administracións deben intervir no proceso que tutelaron, esixir un plan industrial e garantir o emprego máis aló dos dous anos que están asinados», insisten desde o comité.

Incumprimentos laborais

Tamén hai incumprimentos no ámbito laboral, con puntos do convenio que non están a ser respectados pola empresa. «Falamos de aboamentos salariais a algúns compañeiros ou beneficios sociais como a axuda de transporte», apunta a representación legal dos traballadores.

Expediente sancionador

As relacións laborais tamén están nun momento moi complicado, porque «a empresa nin sequera facilita as reunións para tratar as cuestións do día a día». Peor aínda, «utilizan todo tipo de tácticas para lle meter medo ao persoal e impedir as protestas, mentres seguen a conculcar os dereitos adquiridos por convenio», denuncian desde o comité.

O último episodio destas características é o anuncio de apertura de expediente sancionador para o presidente do comité de empresa da Coruña, Juan Carlos López Corbacho, e para catro membros do comité de Avilés, incluíndo tamén o seu presidente.

Nova protesta do persoal de Alu Ibérica para denunciar os incumprimentos do Grupo Riesgo

xoves 17 de setembro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade