Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

venres 18 de outubro de 2013

Presentación do traballo 'A pegada dos avós'

A pegada dos avós

A pegada dos avós

Prezados amigos e amigas:

Dende as Fundacións 10 de Marzo e 1º de Maio de CCOO gustaríanos compartir o proxecto A pegada dos avós.

Trátase dun documental que fala da recuperación da memoria, da xustiza que supón esa recuperación e do dereito das xeracións futuras a coñecela; e faino dende a visión de sete mozos e mozas estudantes de bacharelato que comezan unha andaina sen case información previa.

A súa voz vai construíndo o relato do sucedido na guerra civil e a represión posterior, ao tempo que comeza a agromar neles a conciencia do horror e da inxustiza que supoñen o silencio e a terra sobre os cadáveres. É, pois, a historia dunha viaxe de conciencia e de madurez, a súa propia transición.

Nesta ligazón á web da película podedes ver o tráiler:

http://www.apegadadosavos.com/index.php/gl/trailer-gl.html

A pegada dos avós é un emotivo e actual relato de calidade humana e técnica, pero con algunhas dificultades de financiamento, quizais por teimar en contar unha historia que nestes tempos se intenta esquecer e enterrar.

Entendemos, desde as Fundacións 10 de Marzo e 1º de Maio, que entre todos e todas podemos facer un esforzo colectivo para que a creación, posta ao servizo da xustiza política, non desapareza e invitámosvos a colaborardes no financiamento deste documental a través do sistema de micromecenado (crowdfunding).

Toda información, se quixerdes participar, está nesta ligazón: www.apegadadosavos.com/index.php/gl/colabora-gl/o-teu-mecenado-gl.html e, a cambio, recibiredes as recompensas que podedes ver en:
www.apegadadosavos.com/index.php/gl/colabora-gl/recompensas-gl.html

Tamén podedes participar dando difusión entre o voso directorio e amizades para que coñezan o proxecto e, sobre todo, coa vosa recomendación para que o apoien e difundan.

Na web www.apegadadosavos.com atoparedes ampla información.
Grazas polo voso apoio.

Xan María Castro Paz
Presidente da Fundación 10 de Marzo

Presentación do traballo 'A pegada dos avós'

venres 18 de outubro de 2013

Ligazóns de interese relacionadas

Vídeo
A pegada dos avós (web)