Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

13 de Novembro de 2020, 14:41

O sindicato insta o Goberno autonómico a un «xiro de 180º» na planificación estratéxica para «optar con éxito» aos fondos europeos.

CCOO esíxelle á Xunta de Galicia o reforzamento dos servizos públicos nos orzamentos do 2021

O xoves tivo lugar en Santiago de Compostela unha nova reunión no marco do proceso de diálogo social entre a Xunta de Galicia, patronal e sindicatos. Neste encontro analizouse a situación económica e o cadro macro dos orzamentos da Xunta para 2021, pero tamén as oportunidades para a reconstrución que abren os fondos Next Generation para a recuperación da zona euro.
Na xuntanza, Comisións esixiu que os próximos orzamentos reforcen os servizos públicos, especialmente a sanidade, a educación, os servizos sociais, a dependencia e a protección social. «Cómpre mellorar o emprego asociado, as prestacións e os servizos prestados», explica o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento.
Asemade, o sindicato pediu a participación da Consellaría de Política Social neste proceso, co obxectivo de poderlle trasladar directamente as propostas en materia de dependencia e conciliación. CCOO coida «imprescindible» que os próximos orzamentos teñan «fondos dispoñibles abondo» para a atención sanitaria e tamén para incluír no rescate social os colectivos e as familias máis prexudicadas pola crise.
Reconstrución económica
Canto á reconstrución económica, CCOO instou a Xunta de Galicia a concretar a modalidade de participación público-privada nos diferentes proxectos que poidan optar aos fondos europeos Next Generation, pero sobre todo a facer un «xiro de 180º» na planificación estratéxica, especialmente debido ao calendario anunciado, con comezo en abril de 2021, prazos de adxudicación en decembro de 2023 e de execución en decembro de 2026.
En opinión do sindicato, isto require, por unha banda, que a Xunta tome a iniciativa para axilizar a burocracia e insistiu nunha vella reivindicación: a xanela única para tramitar proxectos ou iniciativas de vital importancia para o país. Iniciativas como as políticas de destrabe desplegadas no país veciño de Portugal da conta da relevancia de tomar a iniciativa de dispoñer en Galicia dunha axencia que centralice a xestión dos distintos requirimentos sectoriais e licenzas que un proxecto pode requirir.
Dende CCOO incidimos na necesidade de aplicar a innovación e a tecnoloxía tamén no ámbito de planificación estratéxica do cambio do noso modelo produtivo, así como na avaliación das políticas públicas. A utilización de ferramentas tecnolóxicas avanzadas como as deseñadas  nos entornos Nexus Clews, así como a participación activa do coñecemento e do talento que temos nas nosas universidades públicas polas que hai que apostar así como emprazar a participar activamente no proceso.
Xerar máis e mellor emprego
Por último, Comisións Obreiras deixou patente a súa «disposición a participar no deseño» de políticas públicas e en apoiar proxectos «que faciliten o necesario cambio de modelo produtivo que precisa Galicia». Todo isto, co obxectivo de «xerar máis e mellor emprego». Con todo, para que isto sexa posible, «a Xunta deberá abandonar o seu ‘modo propaganda’ e vestir o mono de traballo», sentencia Ramón Sarmiento.

CCOO esíxelle á Xunta de Galicia o reforzamento dos servizos públicos nos orzamentos do 2021

13 de Novembro de 2020, 14:41

Documentos relacionados

NP