Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO!

luns 4 de setembro de 2017

CCOO esixe solucións «urxentes» para garantir o sistema público de pensións

  • O sindicato analizou esta materia fundamental coa voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz

Comisións Obreiras (CCOO) esixe solucións «urxentes» para garantir o sistema público de pensións. Así o expresaron os representantes do sindicato após unha reunión coa voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz. O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, instou as forzas da esquerda a traballaren para contrarrestar as medidas «antisociais» do PP. Na mesma liña se pronunciou o responsable da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO, Carlos Mella, quen lembrou que a «maioría» de pensionistas están a manter «fillos ou netos no paro ou con empregos precarios».

De esq. a der., Carlos Mella, Yolanda Díaz e Ramón Sarmiento

De esq. a der., Carlos Mella, Yolanda Díaz e Ramón Sarmiento

Esta xuntanza prodúcese días despois de que En Marea lle remitira ao sindicato o texto da proposición de lei sobre a reforma das pensións e outras medidas da orde social na que hai meses que traballa o Grupo Parlamentario Confederal Unidos Podemos – En Comú Podem – En Marea.

A preocupación polas pensións públicas é compartida polo sindicato, que leva meses esixindo medidas que garantan a sostibilidade das pensións e denunciando a actitude do Goberno do PP, que ata o de agora renunciou a adoptar medidas que melloren os ingresos do sistema público. Peor aínda, o Executivo estatal sobreutiliza o fondo de reserva mediante a suspensión dos límites máximos de disposición que prevía a lei, dando lugar ao seu consumo de forma anticipada.

Carlos Mella denunciou que o colectivo de pensionistas está a «perder diñeiro ano tras ano», xa que a revalorización das pensións é de só un 0,25 %, malia que o IPC se sitúa en case o 2 %. O sindicalista tamén enfatizou a necesidade de recuperar con urxencia o fondo de reserva das pensións, que se reduciu de case 70.000 millóns de euros a uns 12.000 millóns.

CCOO esixe solucións «urxentes» para garantir o sistema público de pensións

luns 4 de setembro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Federacións Nacionais - Pensionistas e Xubilados - Actualidade