Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO!

luns 4 de setembro de 2017

CCOO-Ensino denuncia que o novo curso comeza con desorganización, menos centros e menos profesorado

  • O sindicato lamenta que aumente o profesorado que imparte materias afíns no canto daquelas en que son especialistas, xa que empeora a calidade educativa

A Federación do Ensino de CCOO de Galicia explicou hoxe os condicionantes do novo curso, que logo comeza. Segundo o sindicato, continúa a tónica dos últimos anos: desorganización por parte da Xunta, menos centros e menos profesorado como consecuencia dos recortes. Segundo CCOO, os «desastres» do inicio de curso adiantáronse ao mes de xuño, cando a Consellaría decidiu eliminar de forma unilateral e arbitraria etapas educativas en varias zonas de Galicia.

De esq. a der., Verísimo Pazos, Luz López e José Fuentes, de CCOO-Ensino

De esq. a der., Verísimo Pazos, Luz López e José Fuentes, de CCOO-Ensino

CCOO denuncia que estas decisións se tomaron sen consultar nin informar a comunidade educativa, o que demostra, unha vez máis, a falta de diálogo da Xunta. A Consellaría «estafou» as familias ás que se ofertou matricular os nenos e nenas nuns centros que non ían existir. Por outra parte, vulneráronse os dereitos laborais do profesorado, que non puido participar no concurso de traslados.

— Eliminación da etapa secundaria obrigatoria no CPI Monte Caxado das Pontes, o que carrea a eliminación deste centro e a reubicación do alumnado e do profesorado nas instalacións do CEIP da Madalena. Pérdense, ademais, sete postos de traballo.

— Eliminación da etapa secundaria obrigatoria no CPI Tomás de Lemos (Ribadavia) coa reubicación do alumnado e do profesorado do centro no IES. Pérdense once postos de traballo.

— Eliminación da etapa secundaria obrigatoria no CPI da Ribeira (O Porriño) coa reubicación do alumnado e do profesorado do centro no IES. Pérdense catro postos de traballo.

— Péchase o CEIP Emillio de Navasqüés (Serra de Outes). Pérdense cinco postos de traballo.

Peches de unidades

O catálogo de educación infantil e primaria sufriu modificacións, pero deixan un saldo negativo. Así, pechan 38 unidades de infantil e 34 de primaria. Descontando as unidades creadas, para o presente hai 27 unidads menos de infantil e 15 menos de primaria. Estes recortes representan unha perda de 47 docentes do corpo de mestres —28 en infantil e 19 en primaria.

Adxudicación en primaria

Na educación primaria, a adxudicación é a seguinte:

— 173 postos suprimidos ou desprazados (22 máis que o curso anterior)

— 1130 profesoras/es interinos, oito máis que o ano pasado

— 444 profesoras/es itinerantes, oito máis que o ano pasado

— O 27 % das prazas adxudicadas corresponden a profesores ou profesoras con materias afíns (277) ou con afíns e itinerantes (58)

Para CCOO, os prazos de adxudicación do corpo de mestres son «acaídos», pois permítenlles aos docentes planificar con antelación a súa residencia. Porén, todo o proceso previo fíxose este ano de forma «atropelada», vulnerando as datas establecidas na orde do concurso de adxudicación de destinos provisionais (CADP).

CCOO-Ensino fai unha mención especial dunha situación «que debe corrixirse». O profesorado do corpo de mestres que superou a primeira fase do proceso selectivo está a desenvolver o seu traballo como profesorado en prácticas. Malia que estas forman parte do proceso selectivo, hai casos en que tiveron como destino unha escola unitaria sen outro profesorado que poida titorizar esas prácticas. Ou sexa, que está a facer o mesmo traballo que un funcionario ou funcionaria de carreira, «vulnerando así o espírito do sistema de acceso», censura o sindicato.

Adxudicación en secundaria

A situación da adxudicación en secundaria é ben distinta á da primaria: ata o día 7 deste mes non se coñecerá a adxudicación definitiva. CCOO-Ensino cualifica de «inadmisible» que se manteñan estes prazos. Esta situación provoca que haxa centros que inicien o curso sen contaren con todo o profesorado ou que as profesoras e profesores non poidan organizar nin planificar a súa vida ata que non coñezan o destino que lles corresponde.

Cando o profesorado en expectativa de destino e interino chega ao seu novo centro, xa están repartidos os horarios e atopan unha planificación na que non poden participar, é dicir, dan cunhas condicións laborais moito peores ca as do profesorado definitivo. CCOO esixe atopar unha solución para unha problemática que pode repetirse o vindeiro curso.

Os datos de secundaria son:

— 5 postos suprimidos e 47 profesoras/es desprazados/as

— 762 profesores/as interinos/as e 1774 substitutos/as, en total 2536

— 10 prazas itinerantes

— 1188 profesores/as que impartirán afíns e 8 afíns con itinerancia. Destas, 206 son dos ámbitos da ESO e 140 correspóndense cos módulos comúns da FPB.

— As itinerancias e afíns supoñen un 29 % das prazas adxudicadas

Incremento de afíns en secundaria

En secundaria aumenta ano tras ano a impartición de materias afíns, coa consecuente perda de calidade. Actualmente, Formación e Orientación Laboral ou Música están a converterse en materias que complementan o horario doutras especialidades, co que perden a súa especificidade e a posibilidade de impartilas profesorado especialista.

Por outra parte, vén sendo habitual que as materias artísticas sexan «infravaloradas» pola Consellaría. Amais do caso da materia de Música, cabe sinalar a situación de centros como a Escola Superior de Arte Dramática, que ven reducido o seu profesorado, «ignorando a importancia do seu traballo e o seu carácter de ensinanzas superiores», censura CCOO. O sindicato reitera o seu compromiso por que as ensinanzas artísticas superiores se integren no sistema universitario galego.

Outro problema «grave» detectado polo sindicato é a asignación dos módulos comúns da formación profesional básica ao profesorado das especialidades propias da FP. Isto vulnera a normativa autonómica e estatal. CCOO xa denunciou esta situación ante a Administración, pero non descarta chegar aos tribunais.

Aumento dos concertos

CCOO-Ensino denuncia o aumento dos concertos educativos, sobre todo nos centros que segregan o alumnado por sexos: Peñarredonda, Montespiño e Montecastelo aumentan cadansúa unidade de primaria.

En FP concedénse unidades concertadas a centros que segregan, ao tempo que non llelas conceden a centros públicos que as solicitan. En FP concertáronse 18 ciclos de grao medio, 15 ciclos de grao superior e 19 de FPB a maiores dos xa existentes. No cómputo xeral, aumentan 63 unidades concertadas, ao tempo que na pública diminúen.

Prioridades sindicais para este curso

No ámbito da acción sindical, as prioridades de CCOO-Ensino para este curso son a recuperación das condicións laborais e salariais perdidas desde o 2010, oferta pública de emprego (OPE).

Canto á primeira cuestión, o sindicato esixe que se derrogue o RD 14/2012, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, así como todas as medidas derivadas do real decreto. CCOO coida «imprescindible» o regreso aos horarios lectivos previos á crise para atender de xeito individualizado o alumnado.

Canto ás retribucións, a perda acumulada de poder adquisitivo supera o 23 % desde 2010. É «prioritario» elaborar un calendario do proceso de recuperación salarial. As pagas extras deben igualarse de novo ás retribucións mensuais e a suba para o vindeiro ano, ao IPC previsto cunha cláusula de revisión. Como materia pendente está a activación da cláusula recollida no último acordo de homologación salarial.

No que atangue á OPE, CCOO asinou un acordo estatal o pasado 29 de marzo, xunto con UGT e CSI-F. O pacto establece que nos tres próximos anos poden incorporarse na OPE ata o 90 % das prazas ocupadas de forma temporal desde hai tres anos. Isto significa que a taxa de reposición pode ser superior ao 100 % nos sectores esenciais, como é o caso do profesorado do ensino público.

O obxectivo de CCOO é negociar coa Consellaría o maior número de prazas posible para a primeira convocatoria do ano próximo. Ademais, en aplicación do acordo específico asinado en Galicia, CCOO pretende que a interinidade diminúa ata o 5 %.

CCOO-Ensino denuncia que o novo curso comeza con desorganización, menos centros e menos profesorado

luns 4 de setembro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas