Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO!

mércores 6 de setembro de 2017

Ramón Sarmiento: «Estabamos preocupados pola industria galega, pero tras coñecermos o plan do PP aínda o estamos máis»

  • O secretario xeral do sindicato e os responsables das federacións do sector privado valoraron a proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras fixo hoxe unha primeira valoración da proposición de lei (PDL) para a implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que presentou pola vía de urxencia o Grupo Parlamentario Popular. O secretario xeral do sindicato, Ramón Sarmiento, expresou que, se xa estaban preocupados pola situación da industria galega, «a iniciativa do PP multiplica exponencialmente a nosa preocupación».

De esq. a der., Pedro Comesaña, Lucía Trenor, Ramón Sarmiento e Sergio López

De esq. a der., Pedro Comesaña, Lucía Trenor, Ramón Sarmiento e Sergio López

Acompañado polo responsable de Política Industrial de CCOO-Industria, Pedro Comesaña, pola secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, e polo secretario xeral de Construción e Servizos, Sergio López, Ramón Sarmiento expuxo as eivas da proposta do Grupo Parlamentario Popular, remitida ao sindicato en pleno mes de agosto.

Antes de nada, Sarmiento quixo aclarar que, malia se tratar dunha proposta do Grupo Parlamentario do PP, «realmente a iniciativa parte da Consellaría de Economía, Emprego e Industria, departamento que, de feito, é o que nola remite».

Para o secretario xeral de CCOO, presentar a PDL en pleno agosto e camuflar como proposta dun grupo parlamentario algo que realmente provén da Xunta revela a intención do Goberno de saltar os preceptivos controis e de reducir á mínima expresión a contestación que poida suscitar a súa iniciativa.

O principal aspecto positivo é o recoñecemento expreso «das dificultades que a nosa nación ten para a implantación ou desenvolvemento de novas iniciativas empresariais», apuntou Sarmiento. Con todo, unha análise polo miúdo revela a «traxectoria errática» da Xunta na materia. Tamén «pon en evidencia» as dificultades para coordinar dúas axencias que pertencen á mesma Consellaría: IGAPE e GAIN. «A falta de puntos en común entre os proxectos RIS3 e Axenda Industrial 4.0 é só un exemplo disto», criticou.

Campaña propagandística

A PDL afecta a un gran número de áreas e artigos de diversas leis, sen que en moitos casos se observe a relación coa suposta exposición de motivos, nin tampouco coa urxencia na tramitación. «Parece, máis ben, parte dunha campaña propagandística coa que xustificar a pobre resposta da Xunta» ata o momento, lamentou Sarmiento.

O secretario xeral de CCOO coida que, se o Goberno galego tivese nitidamente identificado o problema, tomaría as medidas de curto prazo que considerase oportunas, sempre da man doutros grupos políticos e sociais. Pero, sobre todo, iría pensando nunha iniciativa de maior profundidade para identificar as forzas subxacentes de cambio estrutural no mundo e como nos están afectando.

Falta de aposta pola innovación

Ramón Sarmiento reprochoulle ao PP que poña énfase en sectores industriais «eminentemente extractivos» e deixe de lado as industriais manufactureiras, de transformación e creación de valor engadido. «Que imaxe ten a Xunta de Galicia e cal é o tipo de país ao que nos queremos parecer?», preguntouse o dirixente sindical.

Medidas abocadas ao fracaso

Por último, o secretario xeral de CCOO instou o PP a que calquera plan industrial ambicioso sexa consensuado co conxunto de forzas políticas e sociais. Do contrario, malia que goce de maioría absoluta no Parlamento, as medidas aplicadas estarán «abocadas ao fracaso».

 

Ramón Sarmiento: «Estabamos preocupados pola industria galega, pero tras coñecermos o plan do PP aínda o estamos máis»

mércores 6 de setembro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas