Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO!

xoves 14 de setembro de 2017

CCOO rexeita o convenio provincial da Coruña de tinturerías e lavanderías por «desvalorizar» as condicións laborais

  • O sindicato critica as organizacións que asinaron o acordo previo por renunciaren a «importantes complementos», o que suporá «notables» perdas salariais para o persoal

A Federación de Construción e Servizos de CCOO de Galicia non asinará o convenio provincial da Coruña para o sector de tinturerías e lavanderías, xa que desvaloriza as condicións laborais. O sindicato critica as organizacións que aceptaron a «insultante» proposta patronal e asinaron o acordo previo (CIG, USO e CSI-F) por renunciaren a «importantes complementos», o que suporá «notables perdas salariais» para as traballadoras e os traballadores do ámbito.

CCOO rexeita o convenio por desvalorizar as condicións laborais | Foto: Sir Mildred Pierce (Flickr)

CCOO rexeita o convenio por desvalorizar as condicións laborais | Foto: Sir Mildred Pierce (Flickr)

O incremento salarial asinado é «irrisorio», apunta CCOO: do 1 % máis o IPC real para o 2017; do 0,5 % máis o IPC para os anos 2018 e 2019. No caso de que o IPC real sexa negativo, non será tido en conta.

Canto aos complementos, elimínase o plus de actividade, o que suporá unha perda salarial de 1800 euros anuais. Así mesmo, o de antigüidade desaparece para as contratacións que se fagan a partir do 31 de decembro deste ano.

Quen forme parte do cadro de persoal ata esa data, manterao como complemento persoal, pero con limitacións: o anterior convenio recollía unha suba salarial do 7 % sobre o salario base cada cinco anos, cun máximo de seis quinquenios; porén, a nova redacción limita a cinco o máximo de quinquenios, sendo a suba salarial dos tres primeiros do 7 % sobre o salario base, no cuarto computarase sobre a base de dez días anuais de libre disposición e no quinto xa serán só cinco días de libre disposición.

A eliminación do plus de antigüidade abrirá unha gran fenda salarial entre o persoal máis antigo e o de nova incorporación. Así, no caso dun traballador ou traballadora da categoría peor remunerada, acumulando seis quinquenios —o máximo do anterior convenio—, a diferenza salarial superaría os 7200 € anuais.

Coincidencias entre os asinantes e a patronal

CCOO salienta a «coincidencia» amosada na negociación entre representantes das empresas Flisa e Indusal Rías Altas e a postura defendida polos sindicatos CIG, USO e CSI-F, xa que todos eles teñen representación nos respectivos comités.

Por último, CCOO pregúntase que fará o sindicato UGT que, por razóns xustificadas, non participou na última xuntanza en que se asinou o acordo previo.

CCOO rexeita o convenio provincial da Coruña de tinturerías e lavanderías por «desvalorizar» as condicións laborais

xoves 14 de setembro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ferrol - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade