Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

martes 10 de outubro de 2017

CCOO coida «insuficiente» a suba salarial para o persoal público e critica o escaso prazo de alegacións dado pola Xunta

  • As organizacións da área pública de CCOO esixen a recuperación dos dereitos salariais e sociais recortados desde o 2012

As organizacións da área pública de CCOO reuníronse este luns co conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, para tratar o Plan de estabilidade, a Lei dos orzamentos do 2018 e a Lei de medidas de acompañamento destes. Desde o sindicato critican o escaso prazo dado pola Xunta para facer alegacións a unha cuestión tan importante como é o emprego público. Así mesmo, coida «insuficiente» a suba salarial prevista no ámbito, que sería do 1,5 % no 2018.

CCOO esixe a recuperación dos dereitos arrebatados ao persoal do sector público

CCOO esixe a recuperación dos dereitos arrebatados ao persoal do sector público

Canto á estabilidade no emprego público, Valeriano Martínez explicou que a Xunta pretende convocar máis de catorce mil prazas nos próximos tres anos (ata 2020), entre reposición de efectivos e estabilización do emprego. A maiores, tamén a acumulación da oferta de emprego público (OPE) pendente do 2016 coa do 2017.

Para isto, o formato aplicable sería a trasposición a Galicia do acordo asinado no ámbito estatal o pasado 29 de marzo, mais adaptado á situación galega, incrementando a oferta de prazas para que a taxa de temporalidade fique por baixo do 6 %. Esta mesma semana remitirán un documento e indicarán un prazo de alegacións, coa intención de que estea pechado antes do 18 de outubro, cando o Consello da Xunta aprobará os orzamentos.

As organizacións da área pública de CCOO critican o pouco prazo de alegacións para un acordo tan relevante. Ademais, pediron que se permita incorporar máis colectivos, tal como recollía o acordo previo de retribucións e emprego que se estaba negociando no Estado no mes de setembro.

No referente aos orzamentos autonómicos do 2018, o conselleiro avanzou que a suba salarial será do 1,5 %, na mesma liña que formula o Goberno de España na negociación da mesa das Administracións públicas. Para CCOO, trátase dunha suba «insuficiente» que non ten en conta nin a perda de poder adquisitivo dos últimos anos nin a débeda orixinada polo non pagamento íntegro das pagas extras.

Xa no que atangue á Lei de acompañamento dos orzamentos, o conselleiro explicou que habería melloras sociais de diferente teor. Neste punto, CCOO reiterou a necesidade de recuperar dereitos recortados desde o 2012, como o pagamento do 100 % do salario nos casos de incapacidade temporal, o descanso adicional para o persoal que traballe en festivo e domingos, os tres días de asuntos propios eliminados ou o fondo de acción social. En definitiva, ir recuperando os dereitos salariais e sociais existentes antes dos recortes de hai cinco anos.

CCOO coida «insuficiente» a suba salarial para o persoal público e critica o escaso prazo de alegacións dado pola Xunta

martes 10 de outubro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas