Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

luns 13 de novembro de 2017

CCOO lamenta que Galicia siga sen estar preparada para afrontar outro 'Prestige'

  • A maior catástrofe ambiental da historia do noso país non serviu nin sequera para evitar que unha situación similar se repeta

Quince anos despois de que o petroleiro 'Prestige' causara fronte ás costas galegas a maior catástrofe ambiental da historia de Galicia, o noso país segue sen estar preparado para afrontar un caso similar. O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) lamenta que este «negro episodio» non servise sequera para adoptar as medidas necesarias para evitar unha nova desgraza.

Manifestación da plataforma Nunca Máis en decembro de 2013 | Foto: Arquivo de CCOO

Manifestación da plataforma Nunca Máis en decembro de 2013 | Foto: Arquivo de CCOO

Hai catro anos coñecíase tamén a sentenza deste caso, un longo proceso xudicial que se pechou obviando a responsabilidade política do Goberno do Estado. Para o sindicato resulta «inconcibible» que a única condena fora ao capitán do petroleiro por «desobediencia», sen entrar a valorar as causas que desembocaron na marea negra. CCOO defendeu en todo momento a «innegable» existencia de responsabilidades, mesmo de tipo penal, tanto polo accidente como pola xestión da situación.

Comisións tamén lamenta que, fóra do ámbito xudicial, ninguén tomase nota das «valiosas leccións» aprendidas da catástrofe: quince anos despois, «poderíase repetir a situación» —apunta o sindicato—, xa que as competencias continúan centralizadas en Madrid. Tamén falta control por satélite, malia que se producen todos os meses varias verteduras contaminantes de hidrocarburos. Por último, continúa habendo descoordinación no seguimento do tránsito marítimo, degradación nas condicións de formación das tripulacións, eliminación dos exercicios e simulacros e un proceso de privatización dos medios de salvamento.

Preocupación polo medio natural e a saúde das persoas

Quince anos despois, CCOO reitera a súa preocupación sobre o impacto do Prestige no medio natural e na saúde. Por esta razón, amais de insistir na necesidade de que Galicia conte con competencias e medios abondos para previr novas catástrofes, reivindica información clara e contrastada sobre o estado, o tratamento e o destino dos milleiros de toneladas de refugallos procedentes da marea negra do Prestige, un plan de recuperación e repoboación de especies de valor comercial no litoral galego, actuacións de defensa da produción galega pesqueira, marisqueira e mexilloeira, así como un seguimento da saúde das persoas que interviñeron nos traballos de limpeza e descontaminación, coas medidas preventivas que se precisaren.

CCOO lamenta que Galicia siga sen estar preparada para afrontar outro 'Prestige'

luns 13 de novembro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas