Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

xoves 30 de novembro de 2017

CCOO, pola reincorporación laboral das persoas con discapacidade sobrevida

Dende 1992, cada 3 de decembro celébrase mundialmente o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. A propósito deste día, Comisións Obreiras chama a atención sobre a situación en que se atopan miles de persoas que ven reducido o seu dereito ao traballo.

#ÉoTeuDereito

#ÉoTeuDereito

Dende 1992, cada 3 de decembro celébrase en todo o mundo o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. A poboación mundial ascende actualmente a máis de sete mil millóns de persoas. Máis de mil millóns (aproximadamente o 15 %) viven con algún tipo de discapacidade, a maior parte nos países en vías de desenvolvemento.

A propósito deste día, Comisións Obreiras chama a atención sobre a situación en que se atopan miles de persoas que ven reducido o seu dereito ao traballo porque, malia teren recoñecidos certos dereitos en caso de discapacidade e existir a obriga de poñer medios para que se cumpran, a realidade é outra moi distinta. O  sindicato quere, especialmente, facer visible a situación daqueles traballadores e traballadoras cunha discapacidade sobrevida tras un accidente ou enfermidade.

Na maioría dos casos, estes traballadores e traballadoras, aínda que seguen tendo a capacidade e o desexo de traballar, e a pesar dos dereitos recoñecidos na normativa social e laboral, sofren serias restricións para retornaren ao emprego e unha elevada porcentaxe deixa de realizar, case por completo, calquera actividade laboral.

É necesaria a toma de conciencia e a posta en marcha de medidas que incidan tanto no mantemento da protección social, como en asegurar os medios para a reincorporación real destas persoas ao mercado laboral ordinario, suprimindo barreiras e adaptando os postos de traballo.

Por isto, CCOO reivindica:

— A mellora das políticas de emprego e o seu desenvolvemento efectivo a través de medidas aplicadas en diferentes eixes de actuación
— A promoción da responsabilidade das entidades empregadoras nos procesos de regreso ao traballo
— A participación activa do traballador ou traballadora con discapacidade sobrevida e os seus representantes
— A prevención e estudo destas situacións para o deseño e aplicación de políticas e medidas máis efectivas

CCOO, pola reincorporación laboral das persoas con discapacidade sobrevida

xoves 30 de novembro de 2017

Documentos relacionados

Declaración de CCOO

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Sociopolítica - Política social - Actualidade
Información - Novas