Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

luns 4 de decembro de 2017

CCOO ve nos «pésimos datos» do paro en Galicia unha consecuencia das competencias que a Xunta non exerce

  • O sindicato alerta de que a comunidade galega presentou durante a maior parte deste ano peores datos en desemprego e afiliación á seguridade social que na media do Estado

Comisións Obreiras (CCOO) ve nos «pésimos datos» do paro rexistrado unha consecuencia das competencias que a Xunta de Galicia ten, pero non exerce. O sindicato alerta de que a comunidade autónoma presentou a meirande parte deste ano peores datos en desemprego e afiliación á seguridade social que na media do Estado. A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, sostén que, se a lexislación laboral básica é a mesma, o factor diferencial está xustamente nesas competencias autonómicas que en Galicia non se están a aproveitar.

CCOO pídelle á Xunta aproveitar os orzamentos para fomentar políticas de emprego

CCOO pídelle á Xunta aproveitar os orzamentos para fomentar políticas de emprego

Aínda que os datos son «malos sen paliativos, coma cada ano a estas alturas», Bouza afirma que será necesario agardar á próxima enquisa de poboación activa (EPA) para ter unha visión «máis global, menos marcada polos elementos da conxuntura». Non obstante, a sindicalista advirte de que Galicia está actualmente no «furgón de cola» do Estado, unha posición que «a urxe a adoptar medidas xa».

Por esta razón, fai un chamamento á Xunta para non perder a oportunidade de orientar os orzamentos autonómicos —que están a debate no Parlamento e se aprobarán proximamente— cara ao obxectivo da creación de emprego. «Galicia non pode ser a única autonomía que non aproveite a evolución da economía para fomentar políticas activas de emprego e impulsar a empregabilidade das galegas e dos galegos», conclúe Bouza.

Paro rexistrado

O paro rexistrado volve a subir; fíxoo en novembro por terceiro mes consecutivo: 1272 persoas paradas máis ca no mes de outubro, o que equivale a un incremento do 0,68 %. Esa suba é superior á da media estatal (+0,21 %). Así, o número de persoas paradas inscritas nas oficinas do SEPE subiu ata ás 187 175 e desas, o 57 % seguen sendo mulleres.

Por sexos, o paro rexistrado subiu máis nos homes ca nas mulleres (995 parados máis fronte a 277 paradas máis). Por grandes grupos de idade, hai 201 persoas paradas máis menores de 25 anos (+2,08 %) e 1071 máis de 25 ou máis anos (+0,61). Canto á análise por sectores, o paro rexistrado sobe en todos eles agás na industria (29 persoas paradas menos); a suba máis acusada dáse na agricultura (101 persoas paradas máis, +1,51 %) e nos servizos (1036 máis, +0,83 %), no colectivo sen emprego anterior hai 101 persoas paradas máis (a suba é do 0,62 %) e na construción hai 63 máis (+0,37 %).

Desde o mes de novembro de 2016, deixan de constar como paradas 16 379 persoas menos nas oficinas do SEPE na nosa comunidade (−8,05 % fronte ao descenso do −9,60 % un ano antes). Na comparación anual, o descenso máis acusado segue dándose nos homes (10 454 parados menos fronte a 5925 paradas menos) e por sectores de actividade, na construción (4375 persoas paradas menos, −20,33 %). Por grandes grupos de idade, destaca que o descenso do paro só atangue as persoas de 25 ou máis anos (16 407 persoas paradas menos con esa idade fronte a 28 persoas paradas máis menores de 25 anos).

Análise da contratación

A contratación segue nutríndose da precariedade. Os contratos indefinidos mantéñense ao redor do 8 % sobre o total de contratos rexistrados. En concreto, no mes de novembro rexistráronse 80 025 contratos; deles, 73 349 foron temporais (representan o 91,66 % da contratación) e só 6676 indefinidos (8,34 % do total).

En termos mensuais, baixou a contratación e con máis forza a indefinida: 1281 contratos indefinidos menos (−16,10 %) e 13 564 temporais menos (−15,61 %). Na comparación anual, rexistráronse 3945 contratos máis: 3303 temporais máis (+4,72 %) e 642 indefinidos máis (+10,64 %).

Afiliación á seguridade social

Galicia tamén perde ocupación por terceiro mes consecutivo e a evolución da afiliación segue sendo peor ca na media estatal. En novembro había 747 persoas afiliadas menos ca no mes de outubro, o que equivale a unha redución do 0,08 % (na media estatal, a baixada foi do 0,07 %), co que a cifra de afiliación total en Galicia quedou en 989 157 persoas (fronte a 1 064 973 afiliacións hai nove anos). Segundo o réxime, o máis prexudicado foi o de autónomos (558 persoas afiliadas menos); no réxime xeral (inclúese o agrario e o do fogar) hai 363 afiliacións menos, mentres que no do mar subiu a afiliación (173 máis).

Na comparación anual tamén quedamos atrás: a afiliación media á seguridade social na nosa comunidade avanzou un 2,13 %, mentres que na media estatal fíxoo un 3,58 %.

Prestacións por desemprego

A protección por desemprego segue en mínimos. Case a metade das persoas paradas con experiencia laboral carecen de prestación por desemprego (unhas 81 500 persoas) e o 45 % das que si a perciben cobran un subsidio por desemprego. Así pois, en outubro de 2017 había 88 024 persoas cobrando unha prestación por desemprego (fronte a 169 558 parados e paradas con experiencia laboral): 39 411 percibían un subsidio por desemprego (o 44,8 % do total das prestacións), 36 921 contributivas (o 41,9 %), 9640 a renda activa de inserción (11,0 %) e 2052 correspondían ao programa de activación de emprego (2,3 %).

Polo tanto, dos datos do SEPE dedúcese que a taxa de cobertura (cociente entre o número de persoas beneficiarias de prestacións por desemprego e o número de persoas paradas rexistradas con experiencia laboral) en outubro de 2017 era do 51,91 % e segue caendo o gasto en protección por desemprego (en outubro baixa un 5 % en relación co mesmo período do ano anterior).

CCOO ve nos «pésimos datos» do paro en Galicia unha consecuencia das competencias que a Xunta non exerce

luns 4 de decembro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas