Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

martes 5 de decembro de 2017

Erradicar a serofobia, o estigma e a discriminación cara as persoas VIH positivas no ámbito do traballo é o reto de sindicatos e entidades civís

  • CCOO promove en todo o Estado a campaña #EuTraballoPositivo

​Os avances nos tratamentos médicos favoreceron grandes melloras no estado de saúde así como na esperanza e a calidade de vida das persoas con VIH. Porén, estes avances non foron tan significativos no ámbito dos dereitos humanos e, en concreto, non o foron no emprego, tamén vinculado coa calidade de vida da persoa, debido a que ten unha alta asociación positiva tanto coa dimensión da saúde física como da mental.

CCOO promove a campaña #EuTraballoPositivo

CCOO promove a campaña #EuTraballoPositivo

Falar de VIH no emprego é falar de dereitos humanos, porque a falta dunha información adecuada sobre o VIH no ámbito laboral contribúe a perpetuar un medo á propagación fácil da infección e á vixencia de prexuízos e estereotipos asociados a ela, que acaban por xerar situacións de discriminación e vulneración de dereitos das persoas co VIH no ámbito laboral. Estas situacións causan que moitas persoas co VIH non poidan ter un traballo estable, que vivan con medo de que se coñeza o seu seroestatus, que non sexan contratadas ou poidan perder o seu traballo… Desta forma, o VIH continúa vivíndose en silencio e en soidade, de xeito invisibilizado.

Ante esta situación, as organizacións asinantes avogamos por poñer en marcha campañas que aborden o estigma e a discriminación das persoas VIH positivas, que se teñan en conta as súas necesidades e realidades e, por conseguinte, que tamén se consideren aqueles factores que as volven máis vulnerables ante a sociedade e no seu propio posto de traballo.

Por iso, esixímoslle á Administración que interveña adecuadamente e que lexisle para mellorar esta realidade, deseñando políticas e investindo forzas e recursos axustados para solucionar unha problemática que leva desde o principio da pandemia enquistada na nosa sociedade.

Neste sentido, reivindicamos un Pacto de Estado fronte ao VIH, o estigma e a discriminación, que eduque e recolla as diferentes ferramentas biomédicas para incluílas nas estratexias que faciliten a autonomía e o apoderamento das persoas e que se adapten ás súas necesidades e complexidades, en constante cambio, que vaian acompañadas dun novo marco legal e político así como unha educación sexual regrada na que as persoas que viven con VIH sexan visibles e estean incluídas.

O devandito pacto de Estado debería recoller:

1. Medidas efectivas de igualdade no acceso ao emprego de persoas VIH positivas, como a supresión dos requisitos que supoñan a eliminación directa das persoas con VIH para calquera ocupación, especialmente para o emprego ou función pública, así como o cambio de consideración do VIH como enfermidade transmisible e non contaxiosa.

2. Accións reais que, como sociedade, nos permitan avanzar na resposta contra a serofobia, o estigma e a estigmatización en todas as esferas da vida das persoas con VIH. Especialmente, no caso das mulleres co VIH xa que, por razóns de xénero, teñen menos posibilidades ca os homes de accederen ao mercado laboral.

3. Unha maior protección para as persoas con VIH no acceso ao emprego e a permanencia nel, mediante a aprobación de medidas lexislativas que prohiban de forma específica a discriminación das persoas con VIH no ámbito laboral así como a realización de determinadas prácticas como a proba de detección do VIH nos recoñecementos médicos de empresa.

4. Medidas dirixidas a favorecer a inserción laboral ou o cumprimento dos seus dereitos en materia de pensións económicas, tendo en conta o impacto do envellecemento prematuro de dez anos nas persoas co VIH.

5. Avogamos por favorecer o diálogo social e a negociación colectiva co Goberno, organizacións empresariais e administracións públicas co obxecto de introducir medidas dirixidas a erradicar a discriminación no emprego así como a facilitar a empregabilidade e un salario digno ás persoas máis vulnerables.

As organizacións que asinamos este manifesto reafirmamos un ano máis o noso compromiso no traballo coordinado á hora de lograr a participación e a responsabilidade compartida na resposta ao VIH e á sida de todas as persoas e de todos os interlocutores sociais, incluíndo Gobernos, sector empresarial, organizacións sindicais e a propia cidadanía.

Erradicar a serofobia, o estigma e a discriminación cara as persoas VIH positivas no ámbito do traballo é o reto de sindicatos e entidades civís

martes 5 de decembro de 2017

Documentos relacionados

Cartel para imprimir [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Igualdade - Actualidade
Información - Novas