Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Primeiro de Maio - #TempoDeGañar

martes 24 de abril de 2018

Un estudo de CCOO liga o aumento dos accidentes de traballo á precariedade laboral

  • Os accidentes laborais con baixa aumentaron un 9 % no 2017, o que sitúa Galicia entre as comunidades autónomas con máis sinistros

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) presentou esta mañá un estudo sobre a sinistralidade laboral no 2017. Roi Fernández, secretario de Saúde Laboral de CCOO de Galicia, e Silvia Parga, economista do sindicato, debullaron os principais datos deste traballo, entre os que destaca o aumento dos accidentes laborais no último ano. Entre as conclusións máis salientables, a relación entre estes sinistros e as precarias condicións de traballo que fomentaron as últimas reformas laborais.

Roi Fernández e Silvia Parga, durante a presentación do documento

Roi Fernández e Silvia Parga, durante a presentación do documento

O traballo precario aumenta o risco de accidentes

O estudo de CCOO conclúe que os traballadores e traballadoras con menos antigüidade no posto traballo teñen máis probabilidades de sufriren un accidente de traballo: o 21 % dos accidentes con baixa en xornada laboral rexistrados no 2017 sufríronos persoas que levaban menos de tres meses no seu posto de traballo.

As persoas con contrato temporal tamén corren máis riscos de sufrir un accidente ca as que teñen unha relación estable: o 40 % dos accidentes con baixa en xornada laboral rexistrados no 2017 ocorréronlles a persoas cun contrato temporal. Esa porcentaxe queda moi por riba da representación que ten a poboación asalariada temporal no emprego por conta allea. En comparación co ano 2016, os accidentes de traballo en xornada laboral aumentaron máis nas persoas cun contrato temporal (+6,92 %) ca entre as que tiñan un contrato indefinido (+1,00 %).

Máis sinistralidade na construción e na industria

Silvia Parga detallou que en 2017 houbo 27.286 accidentes laborais con baixa médica, un incremento de algo máis do 9 % respecto do 2016. A construción e a industria son os sectores en que máis aumentou a sinistralidade, con incrementos do 14,17 e do 12,89 %, respectivamente.

Por sexos, producíronse máis accidentes tanto na poboación masculina como na feminina, pero especialmente no primeiro caso, cun aumento do 10,64 %. Así mesmo, os homes protagonizan a maioría dos accidentes (71 %), cunha prevalencia maior no caso dos graves ou dos mortais, mentres que as mulleres son maioría no de carácter leve.

Galicia, á cabeza en sinistralidade laboral

Malia que algunhas voces vinculan o aumento da sinistralidade con que «hai máis persoas traballando», o secretario de Saúde Laboral de CCOO negou este punto. Segundo Roi Fernández, os accidentes de traballo aumentaron por riba da creación de emprego, como proba o índice de incidencia, que é o cociente entre os accidentes con baixa en xornada laboral e a media anual de persoas traballando. Pois ben, este índice incrementouse un 6,42 % en relación co ano 2016.

O índice de incidencia tamén sitúa a galega como unha das comunidades autónomas con maior sinistralidade, xa que este indicador é case o dobre ca na media estatal: un 3,2 no Estado e un 5,48 en Galicia.

Pontevedra, onde máis aumentou a sinistralidade

Por provincias, os accidentes de traballo con baixa en xornada laboral aumentaron nas catro provincias galegas. En proporción, a maior suba deuse na de Pontevedra (18,83 % máis), seguida da de Ouresne (9,08 % máis). Canto aos accidentes mortais, no 2017 faleceron 43 persoas —40 homes e tres mulleres—. Por sectores, os peores datos proceden da construción —trece, case o dobre ca o ano anterior—. En cifras absolutas, a galega é a cuarta comunidade autónoma con máis accidentes mortais.

Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo

A presentación deste traballo forma parte dos actos organizados polo sindicato co gallo do Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo, que se celebra o sábado 28. Así mesmo, estas reivindicacións estarán presentes nas concentracións que durante esta semana organizará o sindicato en varias localidades galegas.

Entre as múltiplas reivindicacións para esta data, Roi Fernández puxo énfase na infradeclaración de enfermidades profesionais. O sindicalista alertou de que un gran número de traballadores e traballadoras padecen actualmente doenzas de orixe profesional que se rexistran e tratan como patoloxías comúns.

Segundo o secretario de Saúde Laboral de CCOO, esta situación causa un dobre prexuízo. En primeiro lugar, ao traballador ou traballadora afectada, xa que se ven lesionados os seus dereitos, comezando polos salariais. En segundo lugar, ás contas públicas, pois a Seguridade Social está a afrontar un custo que deberían asumir as mutuas de traballo.

Sindicalmente tamén é un problema, xa que «o que non se rexistra non se prevén», e esta ocultación dificulta a prevención de riscos nas empresas. Fernández tamén apuntou que algunhas patoloxías, como a síndrome do túnel carpiano, os nódulos nas cordas vocais ou as producidas por axentes biolóxicos, «teñen rostro de muller, malia que no real decreto de enfermidades profesionais faltan actividades laborais altamente feminizadas».

Un estudo de CCOO liga o aumento dos accidentes de traballo á precariedade laboral

martes 24 de abril de 2018

Ligazóns de interese relacionadas

Caderno do Sindicato Nacional, n.º 28: Informe da sinistralidade labroral en Galicia en 2017 [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Saúde Laboral - Actualidade
Información - Novas