Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Primeiro de Maio - #TempoDeGañar

xoves 26 de abril de 2018

CCOO cualifica de «malos sen paliativos» os datos da EPA e alerta da minorización no ritmo de creación de emprego

  • O sindicato insta a Xunta a «exercer as súas competencias» e tomar medidas para que a mellora da economía se traduza en creación de emprego de calidade

Para o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, os datos da última enquisa de poboación activa (EPA) son «malos sen paliativos». A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, alerta da minoración no ritmo de creación de postos de traballo que amosan as cifras do primeiro trimestre do ano. Segundo a sindicalista, Galicia xa leva moitos meses sen conseguir baixar das 180.000 persoas desempregadas e presenta datos «moito peores» que a media do Estado.

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

O emprego creado neste trimestre é «fundamentalmente precario», lamenta Bouza. Chama especialmente a atención o elevado número de contratos a tempo parcial. Isto, sumado á alta taxa de paro, «dá como resultado que sigamos tendo uns niveis de pobreza e exclusión social dramáticos»: en 68.900 fogares todos os activos están en paro, e en 34.300 non entra ingreso ningún.

Bouza sinala tamén que os datos «aínda poderían ser peores» se non fose polo efecto da Semana Santa, que adoita mellorar as cifras finais, se ben neste caso o impacto «non foi abondo», puntualiza a sindicalista.

Para a secretaria de Emprego de CCOO, «é tempo de que os traballadores e traballadoras gañemos e recuperemos os dereitos perdidos». Parafraseando o lema do sindicato para o Primeiro de Maio, «é tempo de gañar», polo que chama a clase traballadora a «participar activa e masivamente» nas mobilizacións do vindeiro martes, Día Internacional do Traballo.

Precisamente, ante o Primeiro de Maio, CCOO insta as patronais a que o factor do traballo sexa «retribuído axeitadamente», pois os beneficios empresariais están «en máximos históricos», sen que iso repercutise nos salarios. Finalmente, Bouza insta a Xunta a «exercer as súas competencias» e habilitar medidas para que a recuperación da actividade se traduza en máis emprego e calidade de vida.

Aumenta o desemprego

No primeiro trimestre de 2018 había en Galicia 186.500 persoas paradas (91.100 homes e 95.400 mulleres), o que implica unha taxa de paro do 15,1 % (catro décimas máis ca no trimestre anterior), que é do 14,2 % nos homes e do 16 % nas mulleres. O 37 % das persoas desempregadas levaban buscando un posto de traballo dous ou máis anos; estaba nesta situación 68.500 persoas.

Persiste a caída da poboación activa: 1300 persoas activas menos ca no cuarto trimestre de 2017 (-0,1 %) e 14.100 menos ca no primeiro trimestre de 2017 (–1,13 %).

Menos poboación ocupada

Segundo os datos da EPA, o número de persoas ocupadas baixou en 5600 no primeiro trimestre de 2018 respecto ao trimestre anterior (un –0,53 % fronte ao –0,65 % na media estatal), co que a cifra de ocupación queda en 1.050.100. En comparación co primeiro trimestre de 2017 hai 16.500 persoas máis con emprego en Galicia; non obstante, o ritmo de creación de emprego segue sendo máis cativo na nosa comunidade ca na media estatal (+1,59 % fronte ao 2,36 %).

A perda de emprego do último trimestre afecta a máis homes ca mulleres (3400 ocupados menos fronte a 2200 ocupadas menos). Por sectores, pérdese emprego no primario (3600 persoas ocupadas menos) e na industria (3500 menos), mentres que na construción e nos servizos a ocupación só subiu un 0,2 % en ambos os sectores (100 e 1200 persoas ocupadas máis, respectivamente).

Máis precariedade

Polo tipo de xornada, a parcial aumentou en detrimento da xornada completa (5500 persoas ocupadas máis a xornada parcial fronte a 11.100 persoas ocupadas menos a xornada completa). No primeiro trimestre de 2018, o 57 % das persoas que traballaban a xornada parcial manifestaron ter ese tipo de xornada porque non atopaban un traballo a xornada completa; só un 8 % afirmou non querer un traballo de xornada completa.

Canto á poboación asalariada, hai 7500 persoas menos traballando ca no cuarto trimestre de 2017, das cales 7100 estaban empregadas no sector privado (–1,09 %) e 300 no público (–0,16 %). Polo tipo de contrato, en proporción, o emprego máis danado é o temporal: 2900 empregos temporais menos (–1,29 %) e 4500 indefinidos menos (–0,73 %). Respecto do último ano, aumenta a taxa de temporalidade, que se sitúa no 26,7 % (25,8 % no primeiro trimestre de 2017).

Galicia, peor que a media estatal

No primeiro trimestre de 2018 había 4400 persoas máis en paro ca no cuarto trimestre de 2017 e, en proporción, subiu máis o paro en Galicia ca na media estatal (+2,41 % fronte ao +0,78 %, respectivamente). En comparación co primeiro trimestre de 2017, hai 30.600 persoas paradas menos en Galicia, pero nesa baixada do paro influíu moito a caída da poboación activa: hai 14.100 persoas activas menos ca no primeiro trimestre de 2017.

Situación grave en milleiros de fogares

A gravidade da situación acada as maiores cotas nos fogares con todos os seus membros activos en paro: 68.900 no primeiro trimestre de 2018 (2800 máis ca no cuarto trimestre de 2017). Por outra banda, hai 34.300 fogares nos que ninguén percibe ingresos, son 1700 máis ca no trimestre anterior.

CCOO cualifica de «malos sen paliativos» os datos da EPA e alerta da minorización no ritmo de creación de emprego

xoves 26 de abril de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas