Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Primeiro de Maio - #TempoDeGañar

xoves 3 de maio de 2018

O documental 'Vigo 1972' proxectarase gratuitamente nas rúas viguesas

  • O venres, 4 de maio, en Coia; o sábado, día 5, en Teis
  • A fita será proxectada este mes nos concellos de Mos, Nigrán, Cangas e Vilagarcía de Arousa

Tras o seu éxito nos cinemas galegos e a piques de iniciar a súa distribución fóra de Galicia, a longametraxe documental "Vigo 1972, a hora da memoria" proxectarase esta semana de balde nas rúas viguesas. Esta iniciativa forma parte da programación do VII Festival Internacional Primavera do Cine.

'Vigo 1972' proxectarase esta semana de balde na cidade olívica

'Vigo 1972' proxectarase esta semana de balde na cidade olívica

A primeira cita será no barrio de Coia, concretamente no campo de futsal situado no número 50 da avenida de Castelao. A segunda, na porta superior do estaleiro Vulcano, no número 70 da rúa de Enrique Lorenzo, no barrio de Teis.

Ambas as dúas proxeccións terán lugar ás 21:30 horas e a entrada será gratuíta. O director do filme, Roi Cagiao, estará presente para interactuar co público. Así mesmo, a organización do festival achegará cadeiras para o público.

Ao longo deste mes, a fita será proxectada tamén nos concellos de Mos, Nigrán, Cangas e Vilagarcía de Arousa.

O documental

Vigo 1972 estreouse meses atrás na gran pantalla grazas á produtora Arthur Gordon, ao traballo do director e guionista Roi Cagiao e do produtor executivo Emilio J. Fernández. Destaca a colaboración prestada por organizacións como o Foro pola Memoria de Galicia, a Asemblea Republicana de Vigo e a Unión Comarcal de Comisións Obreiras de Vigo.

A longametraxe relata os sucesos de setembro de 1972, hai corenta e cinco anos. Seis meses despois do asasinato de Amador Rey e Daniel Niebla en Ferrol, abatidos pola policía franquista, a mecha da reivindicación prendeu en Vigo cunha folga xeral que durou tres semanas e na que participaron máis de trinta mil traballadores e traballadoras. Meses despois dos tráxicos sucesos do 10 de marzo de Ferrol, a comarca viguesa converteuse no epicentro do movemento obreiro e plantou cara ás estruturas represoras do franquismo.

O filme recolle testemuños de protagonistas destes feitos, en boa medida ligados ás Comisións Obreiras; nomes coñecidos como Waldino Varela, Carlos Núñez Rodríguez, Elvira Landín, Carlos Barros ou Camilo Nogueira, entre outros. Intercálanse as súas voces con material de arquivo, tanto fotográfico como audiovisual, así como recreacións.

O documental 'Vigo 1972' proxectarase gratuitamente nas rúas viguesas

xoves 3 de maio de 2018

Ligazóns de interese relacionadas

Web do documental
Páxina de Facebook

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade