Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Primeiro de Maio - #TempoDeGañar

venres 4 de maio de 2018

CCOO acorda coa súa afiliación na Xustiza a reincorporación á actividade e reconducir o conflito nunha mesa de negociación

  • O sindicato propón que, en canto se peche o conflito na vertente laboral, se constitúa unha mesa de concertación co conxunto de axentes sociais para procurar un pacto pola Xustiza en Galicia

Comisións Obreiras (CCOO) dá por rematada unha etapa no conflito da Xustiza, acorda coa súa afiliación a reincorporación ao traballo e confirma que deixa de formar parte do comité de folga. Así o anunciaron esta mañá o secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, o secretario xeral da Federación de Servizos á Cidadanía (FSC-CCOO), José Manuel Ramos, e Tino Novoa máis Raquel Estévez, representantes do sindicato no sector, que compareceron perante os medios de comunicación para explicar a posición do sindicato neste longo conflito.

De esq. a der., José Manuel Ramos, Ramón Sarmiento, Raquel Estévez e Tino Novoa

De esq. a der., José Manuel Ramos, Ramón Sarmiento, Raquel Estévez e Tino Novoa

De agora en diante, os esforzos de CCOO centraranse en recompor a unidade dos traballadores e das traballadoras, «e iso só se conseguirá coa volta ao traballo diario», apuntou Ramón Sarmiento. O sindicato avoga por reconducir a situación nunha mesa de negociación.

Para CCOO, a folga «conseguiu o seu obxectivo», que era mellorar de xeito «substancial» as condicións de traballo do persoal da Administración de Xustiza de Galicia. Isto traduciuse no conxunto de melloras laborais reflectidas na última proposta que a Xunta trasladou ás organizacións sindicais o pasado 26 de abril.

Desde Comisións teñen claro que «a presión da folga axudou a que a Xunta variase a súa posición inicial». Por esta razón, non coidan necesario manter os paros, senón crear un espazo de encontro para que as melloras propostas poidan iniciar a súa aplicación, desenvolvemento e concreción.

Neste sentido, os voceiros de CCOO consideran que remitirse a unha mesa de negociación é a vía axeitada para reconducir e pechar o conflito, «tomando como referencia a última proposta da Administración, onde se manteñen pequenas diferenzas pendentes de desenvolvemento».

Pacto pola Xustiza en Galicia

O secretario xeral de CCOO sinalou que, para o sindicato, a problemática neste ámbito vai alén das reivindicacións laborais. Por esta razón, Comisións propón que, en canto se peche o conflito na vertente laboral, se constitúa unha mesa de concertación co conxunto de axentes sociais para levar a cabo un pacto pola Xustiza en Galicia. Neste foro abordaranse cuestións de modernización, dotación de máis medios e revisión de procedementos, reforzamento de xulgados ou formación específica en materias como violencia de xénero.

CCOO acorda coa súa afiliación na Xustiza a reincorporación á actividade e reconducir o conflito nunha mesa de negociación

venres 4 de maio de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas