Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Primeiro de Maio - #TempoDeGañar

venres 4 de maio de 2018

CCOO constata a minoración do ritmo de creación de emprego e alerta ante as cifras máis baixas en catro anos

  • CCOO denuncia a «indecente» precariedade laboral e critica que o emprego só medre a quinta parte en que o fai a economía

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) constata a minoración do ritmo de creación de emprego —que xa leva meses advertindo— e alerta ante as cifras máis baixas en catro anos no referente a novos postos de traballo e diminución do paro. A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, tamén denuncia a elevada precariedade laboral e critica que o emprego só medre a quinta parte en que o fai a economía.

Oficina do Servizo Público de Emprego en Santiago de Compostela

Oficina do Servizo Público de Emprego en Santiago de Compostela

A economía segue a crecer. A Xunta revisou á alza a previsión de crecemento económico, pero o emprego estáncase: a previsión do PIB sitúase por riba do 2,5 %, pero a do emprego fica no 0,46 %.

«A Xunta debe explicar esta contradición e adoptar medidas para que o crecemento repercuta na creación de postos de traballo de calidade», esixe. Os datos «falan por si sós da indecente precariedade do noso mercado de traballo», afirma Bouza. Nove de cada dez empregos son temporais e, segundo a última EPA —publicada hai poucos días—, boa parte do emprego que se crea é a xornada parcial.

Os datos do paro rexistrado do mes de abril, divulgados hoxe, indican que no último mes houbo 2812 persoas menos rexistradas como demandantes de emprego, o que equivale a unha diminución do 1,52 %. Un dato «moi baixo» que, un mes máis, revela un comportamento do mercado laboral galego moi por baixo do promedio estatal, onde a diminución do paro rexistrado foi do 2,53 %.

A afiliación á seguridade social tamén sobe en Galicia por baixo da media: 4532 afiliacións máis, un 0,46 %, mentres que no Estado é máis do dobre, o 0,95 %.

Para Maica Bouza, os datos son consecuencia dun modelo de crecemento «que non dá máis de si», fortemente dependente de emprego estacional, ligado estes meses ás campañas de Semana Santa e xa comezos da do verán. «Emprego temporal, a tempo parcial, con baixos salarios e sen case dereitos, que despois non se consolida», certifica a sindicalista.

Malos datos do emprego e tamén da cobertura por desemprego, que está no 53,14 %: hai 79 000 persoas con experiencia laboral e que actualmente carecen de protección. Ao tempo, 68 900 fogares teñen todos os seus membros activos en paro e 34 300 non teñen ningún membro que perciba ingresos.

Análise do paro rexistrado

O paro rexistrado baixou, «como era previsible, porque é o que sucede adoito nesta época do ano», apunta Bouza. Con todo, o mes de abril pechou con 182 291 persoas desempregadas inscritas nas oficinas do servizo público de emprego: 104 218 mulleres (o 57 % do desemprego) e 78 073 homes. Dese total, 9101 persoas tiñan menos de 25 anos e supuñan o 5 % do paro rexistrado.

No mes de abril había 2812 persoas paradas menos inscritas nas oficinas do servizo público de emprego ca no mes de marzo e, en proporción, o descenso foi menor en Galicia ca na media estatal (-1,52 % fronte ao –2,53 %). En termos anuais, o paro rexistrado baixou en 22 338 persoas (−10,92 % fronte ao −6,64 % na media estatal).

Na comparación mensual, a baixada do paro dáse, sobre todo, nos homes (2479 parados menos fronte a 333 paradas menos); e por grandes grupos de idade, o maior descenso dáse en maiores de 25 anos: hai 2784 persoas paradas menos entre as persoas de 25 ou mais anos (–1,58 %) e 28 menos entre as menores desa idade (–0,31 %).

Por sectores, o paro rexistrado descende en todos eles agás no colectivo sen emprego anterior (123 persoas paradas máis ca no mes de marzo): 808 persoas paradas menos na construción (−4,56 %), 592 na industria (–2,78 %), 1479 nos servizos (−1,20 %) e 56 na agricultura (−0,83 %). Polo tanto, os sectores con maiores baixadas son a construción e a industria, ambos os sectores con máis presenza de ocupación masculina ca feminina.

Análise da contratación

Este mes de abril rexistráronse 81 844 contratos, e o 89,96 % son temporais. En relación co mes anterior aumentou en maior proporción a contratación temporal ca a indefinida (+8,81 % fronte ao +2,44 %). En termos anuais, avanzou máis a contratación indefinida ca a temporal (+32,43 % fronte ao +8,46 %) pero aínda así o número de contratos indefinidos segue sendo baixísimo: só se formalizaron 8217 contratos indefinidos no mes de abril, que supoñían o 10,04 % da contratación.

Afiliación á seguridade social

A afiliación media á seguridade social sobe máis devagar en Galicia que na media estatal, tanto na comparación mensual coma na anual. No mes de abril había 4532 afiliacións máis ca en marzo, o que supón un incremento do 0,46 % (a porcentaxe na media estatal era do 0,95 %). Por réximes, hai 4208 afiliacións máis no réxime xeral, 156 máis no de autónomos e 168 máis no do mar.

Desde o mes de abril de 2017 hai 24 948 afiliacións máis en Galicia pero, en proporción, a afiliación media á seguridade social tamén sobe menos na nosa comunidade ca na media estatal: 2,59 % e 3,07 %, respectivamente.

Prestacións por desemprego

No mes de marzo, 89 982 persoas percibían prestacións por desemprego, e a maioría destas eran asistenciais; só o 42,99 % das prestacións eran contributivas. A repartición por modalidades era a seguinte: 39 897 percibían un subsidio por desemprego (o 44 % do total das prestacións), 38 684 contributivas (o 43 % do total), 9072 a renda activa de inserción (o 10 % do total) e 2329 correspondían ao programa de activación de emprego (o 3 % do total).

Das 169 328 persoas paradas con experiencia laboral que había no mes de marzo, só o 53,14 % estaban percibindo unha prestación por desemprego. Polo tanto, había máis de 79 000 persoas paradas con experiencia laboral que xa carecen de cobertura por desemprego.

CCOO constata a minoración do ritmo de creación de emprego e alerta ante as cifras máis baixas en catro anos

venres 4 de maio de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas