Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Primeiro de Maio - #TempoDeGañar

venres 4 de maio de 2018

CCOO, CIG e UGT instan a Xunta a cumprir a Lei de emerxencias de Galicia e homoxeneizar o servizo de bombeiros

  • Os sindicatos rexistraron un escrito na Vicepresidencia da Xunta no que tamén piden o rescate público dos parques privatizados

As organizacións sindicais CCOO, CIG e UGT, en relación coa comarcalización dos parques de bombeiros municipais, rexistraron un escrito na Vicepresidencia instando a Xunta a, antes de nada, cumprir a Lei de emerxencias de Galicia. Concretamente, refírense á aprobación do estatuto do bombeiro, o cal debe recoller a homoxeneización deste servizo.

Imaxe de arquivo dunha manifestación de bombeiros en Ourense (ano 2016)

Imaxe de arquivo dunha manifestación de bombeiros en Ourense (ano 2016)

Para os tres sindicatos, a solución á problemática actual é o rescate dos parques privatizados e a regularización da profesión. Tras isto e a retirada da taxa de reposición, «poderemos falar de comarcalizar os parques de bombeiros» ou dun «dimensionamento adecuado de persoal que elimine barreiras territoriais absurdas, cumprindo isócronas razoables e deixando atrás esta precariedade reinante».

CCOO, CIG e UGT sinalan que a todo isto xa obriga a Lei de emerxencias de Galicia, «incumprida repetidamente» pola Xunta, que alén de obviar as súas obrigas, impulsa «medidas contrarias» a esta norma, fomentando a heteroxeneización e atomización dos servizos de emerxencias.

Por todo isto, reivindican unha comisión de coordinación —similar á das Policías locais—, a aprobación do estatuto do bombeiro, a clasificación profesional como C1, a consideración dos bomeiros como axentes de autoridade, a relación de concellos que ha atender cada parque e as isócronas de atención, a definición do papel dos parques comarcais, o incremento do número de bombeiros necesarios para atender a comarcalización, o aumento dos medios necesarios e a adecuación das retribucións á nova carga de traballo.

CCOO, CIG e UGT instan a Xunta a cumprir a Lei de emerxencias de Galicia e homoxeneizar o servizo de bombeiros

venres 4 de maio de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas