Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Primeiro de Maio - #TempoDeGañar

mércores 9 de maio de 2018

CCOO denuncia unha «estratexia política» na fin das desconexións locais da Radio Galega para «centralizar o control» da información

  • A sección sindical de Comisións Obreiras critica tamén a fin do emblemático programa 'Diario Cultural', no que as convidadas e convidados teñen sido críticos coa Xunta

A sección sindical de Comisións Obreiras (CCOO) na Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) denuncia unha «estratexia política» na fin das desconexións locais da Radio Galega co obxectivo de «centralizar o control» da información. Esta é unha das principais novidades da nova grella de programación que os responsables da emisora pública lle presentaron esta semana ao comité intercentros.

CCOO denuncia o uso da Radio Galega para a estratexia política do PP

CCOO denuncia o uso da Radio Galega para a estratexia política do PP

Este cambio terá lugar o 10 de setembro e a Dirección da Radio deféndeo como unha pretensión de «elevar o local ao ámbito autonómico», xa que esta información se integrará nos espazos xeneralistas. Porén, CCOO rexeita este argumento e ve unha clara intencionalidade partidista para favorecer o PP a poucos meses das eleccións municipais.

Ao mesmo tempo que as desconexións informativas locais se suprimen, a Dirección da Radio Galega pretende facer desconexións os venres para programar espazos de debate ao mediodía. «Non haberá información local, pero si opinión local, e a estas alturas xa sabemos de que orientación política será», reprocha a sección sindical de CCOO.

Tanto CCOO como o comité intercentros denuncian que esta medida completa a viraxe emprendida polos responsables da radio pública no ano 2010, cando pechou as delegacións de Burela, Ferrol e Pontevedra, faltando así á obriga de ofrecer información local e de proximidade nun país con gran dispersión poboacional.

CCOO tamén critica a fin do emblemático programa Diario Cultural, tras vinte e oito anos en antena. O espazo como tal «fragméntase e dilúese», emitíndose en catro horarios durante a semana e tres durante a fin de semana. Malia que o número de minutos totais dedicados á información cultural aumentará, o sindicato ten claro que esta manobra pretende «suavizar» un programa «no que os convidados e convidadas e temáticas non son do agrado e, en moitas ocasións, mesmo son críticos coa Xunta».

Asemblea de persoal o vindeiro luns

O comité intercentros, do que CCOO forma parte, decidiu convocar unha asemblea de persoal para o vindeiro luns, día 14 de maio, ás 14:30 horas, para informar das modificacións da programación. Tamén se estudarán posibles accións de protesta, pois nada máis se coñeceren as medidas xerouse «grande indignación» entre uns profesionais que están xa «fartos de dar a cara» para cumpriren coas súas obrigas laborais nun contexto de «descrédito» cada vez maior dos medios públicos autonómicos.

CCOO denuncia unha «estratexia política» na fin das desconexións locais da Radio Galega para «centralizar o control» da información

mércores 9 de maio de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas