Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Primeiro de Maio - #TempoDeGañar

luns 4 de xuño de 2018

CCOO lamenta o falecemento do sindicalista, mestre e cantautor Benedicto

  • Os «valores democráticos e fondo compromiso social» caracterizaron a súa traxectoria

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) lamenta o falecemento do sindicalista, mestre e cantautor Benedicto García Villar (Santiago de Compostela, 1947-2018), membro fundador do grupo musical Voces Ceibes, principal representante da nova canción galega. CCOO salienta os «valores democráticos e fondo compromiso social» de Benedicto en todas as súas facetas, xa fose a artística, a docente ou a sociopolítica.

Benedicto García Villar | Imaxe: TVG

Benedicto García Villar | Imaxe: TVG

O presidente da Fundación 10 de Marzo de CCOO, Xan María Castro, destaca tamén que as letras de Voces Ceibes se insiren na «canción protesta». Con todo, Benedicto foi, alén diso, militante do movemento estudantil compostelán dos anos sesenta, así como do Partido Comunista e posteriormente das Comisións Obreiras.

Do Sindicato Galego da Música ás Comisións Obreiras

Benedicto axudou a crear o Sindicato Galego da Música (SGM), aglutinante para a defensa dos intereses do conxunto de profesionais da música «fronte ás mafias do sindicato vertical e os seus sucedáneos», lembra Castro. Benedicto foi clave na estruturación desta formación sindical e tamén na decisión de que o SGM se integrara no Sindicato Nacional de CCOO de Galicia.

Traxectoria en CCOO

A partir da súa incorporación ao traballo como mestre, compaxinou a actividade profesional na docencia cun intenso activismo sindical na Federación do Ensino de CCOO a partir de 1985. Son varios anos en que a Federación experimenta un gran pulo de implantación e representación, reflectido nos primeiros comicios sindicais do persoal funcionario.

En 1988 incorpórase á dirección do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, na que ocupa diversas responsabilidades, como secretario de Política Institucional, de Información e Publicacións, así como a Coordinación da Área Pública do Sindicato.

O presidente da F10M lembra que Benedicto foi unha «persoa clave» na normalización do uso do idioma galego no sindicato —na oralidade e na escrita—, pero tamén na súa modernización a través das áreas institucional ou de publicacións.

Emilio Crespo, antigo secretario xeral de CCOO-Ensino e membro da F10M, lembra que Benedicto foi un dos «máis importantes impulsores» da Fundación, creada poucos meses antes do vixésimo aniversario dos acontecementos do 10 de Marzo de 1972 «co obxectivo de achegar unha sede de coñecemento da memoria histórica e de arquivismo da historia sindical».

Libro e homenaxe

A finais de mes cumpriranse catro anos da homenaxe que as súas amizades lle tributaron no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Co gallo dese acto, tamén foi editado o libro Benedicto. Polo mar da liberdade, que recolle testemuños e reflexións de numerosos amigos e amigas.

Despedida

A despedida a Benedicto terá lugar mañá martes, día 5 de xuño, ás 19 horas, no tanatorio municipal de Boisaca.

CCOO lamenta o falecemento do sindicalista, mestre e cantautor Benedicto

luns 4 de xuño de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia