Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

luns 25 de xuño de 2018

CCOO pide que UGT e CIG asuman as resolucións xudiciais que benefician o persoal das residencias privadas da terceira idade

  • Desde Comisións Obreiras solicitan que as dúas organizacións «non lle dean aire» á patronal, que pretende desvirtuar o contido destas sentenzas mediante un novo convenio colectivo despois do 2020

A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO-Sanidade) pídelles a UGT e CIG que asuman as resolucións xudiciais que benefician a milleiros de traballadores e traballadoras das residencias privadas da terceira idade. O sindicato fai referencia a unha sentenza do Tribunal Supremo (TS) do pasado mes de abril, que lle dá a razón a CCOO confirma resolucións anteriores, referente a como gozar os períodos de descanso no convenio colectivo.

CCOO defende os dereitos laborais do persoal do sector

CCOO defende os dereitos laborais do persoal do sector

A sentenza do alto tribunal confirma outras anteriores e ditamina que, por cada día festivo traballado, as traballadoras e traballadores de residencias privadas da terceira idade de Galicia deben ser compensados con 1,3 días de descanso.

Aínda que existen dificultades para determinar o número exacto de potenciais beneficiarios e beneficiarias desta sentenza, un estudo presentado por CCOO este ano cifra en arredor de 16.000 as persoas que estarían a traballar en residencias da terceira idade, das que a maior parte son privadas —polo tanto, incluídas no ámbito deste convenio.

Xa que a decisión do Supremo é firme e contra ela non cabe recurso, CCOO decidiu levar «con urxencia» este asunto perante a comisión paritaria do convenio. Tras tres reunións —a última, o pasado 21 de xuño—, CCOO constata que a intención da patronal é adiar a solución ata despois do ano 2020, cun novo convenio que, previsiblemente, emendará a redacción para evitar esta compensación dos descansos.

Un dereito conseguido por sentenza firme

Na última xuntanza, tanto UGT como a CIG comprometéronse a consultar co sector a proposta empresarial. Desde CCOO pídenlles aos dous sindicatos que «non lle dean aire» á parte empresarial e esixan na xuntanza do vindeiro 17 de xullo o cumprimento desta sentenza. «É un dereito conseguido mediante sentenza firme e non se pode renunciar a el de modo ningún», enfatiza Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade.

Antecedentes

En maio do 2016, o Xulgado do Social de Santiago de Compostela dáballes a razón a CCOO e a unha delegada do sindicato na residencia da terceira idade que SAR Quavitae —do grupo DomusVi— ten na capital de Galicia. A traballadora reclamaba o goce dos descansos que lle correspondían tanto na xornada ordinaria como as compensacións polos excesos horarios producidos, peticións non atendidas pola denunciada.

O xulgado compostelán obrigaba a empresa a recoñecerlle á denunciante a compensación polos días festivos traballados nos anos 2012, 2013, 2014 e 2015 na forma que marca o artigo 38 do convenio de residencias privadas da terceira idade da Comunidade Autónoma de Galicia.

A empresa presentou recurso de suplicación perante o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), que en maio do 2017 se pronunciou en termos análogos ao Xulgado do Social de Santiago. Segundo o alto tribunal galego, a traballadora e o resto das compañeiras debían ser compensadas con 1,3 xornadas laborais por cada día festivo traballado. Tamén lles recoñeceu o dereito a un descanso mínimo semanal de 36 horas ininterrompidas —isto é, un día e medio—, ao tempo que o descanso diario entre xornadas debería ser dun mínimo de 12 horas.

Xa en abril deste ano, unha sentenza firme do Tribunal Supremo pechou o capítulo xudicial, confirmando todas as resolucións anteriores.

CCOO pide que UGT e CIG asuman as resolucións xudiciais que benefician o persoal das residencias privadas da terceira idade

luns 25 de xuño de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade